Declaran iniciativa prioritaria a futura planta de biogás de Castro

TerraChaXa | LugoXa
É unha proposta de economía circular que reduciría a extracción de materias primas aproveitando residuos orgánicos para biocombustibles
planta biogas
27 Feb 2022

Trátase dunha proposta de economía circular que reduciría a extracción de materias primas aproveitando residuos orgánicos para a obtención de biocombustibles.

A Xunta de Galicia vén de declarar como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto para impulsar unha nova planta de biogás para a obtención de biometano líquido no concello lucense de Castro de Rei. Trátase dunha actuación na que a compañía prevé investir 22,5 millóns de euros, contribuíndo deste xeito á creación de riqueza e á consolidación de emprego de calidade no rural.

Neste sentido, a iniciativa pretende utilizar os residuos orgánicos producidos no sector agrogandeiro e agroalimentario galego como materias primas para obter biometano líquido a través dun proceso de separación crioxénica do biogás producido. Unha parte do biogás xerado empregaríase para cubrir o autoconsumo da planta e parte do biometano líquido para abastecer a frota de transporte da empresa e dos seus provedores.

Trátase, polo tanto, dun proxecto de economía circular que reduciría a extracción de materias primas, aproveitando residuos orgánicos para a obtención de biocombustibles que, á vez, reducen o uso de combustibles fósiles.

O proxecto inclúe a posibilidade de crear de ao redor de 75 postos de traballo entre directos e indirectos na comarca por parte deste grupo empresarial que conta co selo de Peme innovadora outorgado pola Administración central e que presta servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, así como a agricultores e gandeiros.

Esta declaración de iniciativa empresarial prioritaria enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.22591996192932