Dedicarán case 3 millóns de euros a facer unha ruta peonil en Baralla
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou o impulso do Goberno coa transformación e desenvolvemento dos concellos galegos do reto demográfico a través dos fondos do Plan de Recuperación.
Así o asegurou nunha visita ao Concello de Baralla, que acadou unha das axudas do programa DUS5000, que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Acompañado polo alcalde, Miguel González, e pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o delegado anunciou o investimento de 2,8 millóns de euros para o proxecto de conexión peonil e ciclista que unirá as poboacións do Val do Río Neira e Pousada co núcleo urbano.
“Esta actuación, que se licitará nas vindeiras semanas, mellorará notablemente a comunicación, a seguridade e a accesibilidade do termo municipal, ademais de conectar co Roteiro do Dubio, un atractivo turístico que permitirá resaltar o extraordinario patrimonio natural e fomentar a mobilidade sostible”, explicou o delegado, subliñando que “Baralla é o exemplo da transformación que impulsamos nos concellos galegos co Plan de Recuperación”.
Pedro Blanco tamén puxo en valor o impacto positivo que terá o proxecto, “contribuíndo a dinamizar o turismo local e permitindo a residentes e visitantes gozar das fermosas paisaxes e de toda a riqueza cultural de maneira respectuosa co medio ambiente”. Nesta liña, incidiu na importancia da colaboración entre administracións “cun papel fundamental do Goberno de España como aliado dos concellos na mellora da calidade de vida dos veciños, aproveitando ao máximo o potencial de cada territorio”.
Este esforzo conxunto reforza a aposta do Goberno cos municipios pequenos, como é o caso de Baralla, que conta con menos de 2.5000 habitantes, co obxectivo de construír unha Galicia que crece, corrixe desigualdades e crea oportunidades en todo o seu territorio”.
As obras proxectadas consisten na creación dun itinerario peonil continuo de máis de 5 quilómetros ao longo do tramo urbano, que pode discorrer por unha ou ambas as marxes da estrada, pero que en todo caso serán de uso exclusivo peonil creando unha senda accesible e segura. Realizaranse traballos previos de demolición, roza e movemento de terras, para posteriormente acometer a formación da base da senda, a súa pavimentación, a execución de muros de contención, a definición dunha rede de drenaxe soterrada, así como a correspondente sinalización horizontal e vertical. A creación deste itinerario peonil de acceso ao núcleo urbano de Baralla suporá unha diminución do consumo anual de enerxía de 68.775 kW a 24.477 kW, conseguindo un aforro enerxético estimado do 64%, no marco da axuda obtida para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (PROGRAMA DUS 5000), dentro do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.