Defenden en Madrid o modelo de Lugo como cidade verde

LugoXa
O modelo de cidade verde que promove o proxecto Life Lugo + Biodinámico vai ser posto como referente en Madrid, no Congreso Rebuild 2021.
lugo edificio impulso verde
19 Sep 2021

O modelo de cidade verde que promove o proxecto Life Lugo + Biodinámico vai ser posto como referente en Madrid, no Congreso Rebuild 2021. Trátase dunha iniciativa que aborda a transformación da construción en España.

O Congreso Nacional de Arquitectura Avanzada e Construción 4.0 é o maior foro de coñecemento e tendencias do país no que participarán - en cinco auditorios simultáneos diferentes - máis de 260 expertos para amosar os proxectos máis disruptivos e casos de éxito para cada segmento do ámbito da edificación (vivenda, hotel, retail, oficina, sociosanitario e institucional) contando, alén, cunha axenda propia para cada perfil profesional.

Un encontro ao que, entre outros, asistirán, Francisco Martín, Director Xeral de Vivenda e Chan do MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana); José María García, Viceconselleiro de Vivenda e Ordenación do Territorio da Comunidade de Madrid ou a Secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera así como diferentes representantes do eido da arquitectura ou a madeira para abordar as repercusións que a súa simbiose ten sobre a descarbonización a través da construción.

Representantes do Concello de lugo estarán presentes nun almorzo de traballo posterior onde dará conta a altos directivos, conselleiros delegados e presidentes de patronais, construtoras, empresas de industrialización e presidentes de asociacións da Estratexia Lugo Transforma, co obxectivo de difundir o calado do investimento municipal, o maior da historia en Lugo (12 millóns de euros) e captar o interese do sector para promover a súa participación neste fondo de capital.

Lugo foi xa a única cidade galega chamada para acudir ao Senado a explicar, o pasado día 8 de setembro, a súa estratexia de cidade sostible, no marco da xornada As urbes españolas ante o reto da neutralidade climática.

0.16163778305054