Definidos os finalistas do Lugo Debate tras unha intensa xornada previa á gran final

Os equipos do IES Ollos Grandes 2 e do IES Lucus Augusti, na categoría de Bacharelato, e Maristas Lugo xunto con San José Cluny de Vigo, na de ESO, disputarán hoxe sábado a final do torneo Lugo Debate tras clasificarse na xornada celebrada onte venres.
A resolución dos equipos finalistas chegou despois dunha intensa segunda e penúltima xornada do certame, na que se foron sucedendo as distintas fases eliminatorias. A actividade comezou ás 9:00 horas coas semifinais da categoría de discursos de oratoria simultánea, nas que os participantes amosaron un elevado nivel comunicativo. Os gañadores volverán competir hoxe na final desta modalidade.
Posteriormente desenvolveuse a terceira rolda de debate, mantendo o nivel da primeira xornada, aínda que coa tensión en aumento ante a proximidade das fases decisivas. A cuarta rolda, celebrada a continuación, resultou determinante para establecer os equipos que accederían aos cuartos de final.
Ás 15:30 horas déronse a coñecer os clasificados e, apenas uns minutos despois, arrancaron os cuartos de final. O avance das eliminatorias levou ás semifinais das 18:00 horas, das que saíron os conxuntos que loitarán polo título nesta xornada definitiva.
Antes destas fases finais tivo lugar un debate de exhibición protagonizado por integrantes da Asociación Más Debate, entre os que destacaron Sabela Guisande e Sofía Bugarín, campioas da pasada edición en Bacharelato. Esta iniciativa permitiu dar visibilidade ao talento formado en anteriores edicións do torneo.
A xornada pechouse cun concerto da artista Tere!, gañadora do evento Track Zero, unha proposta musical impulsada pola propia asociación. A actuación serviu tamén como mostra do compromiso da organización coa promoción do talento emerxente máis alá do ámbito do debate.
O torneo Lugo Debate reúne desde este xoves na cidade a máis de 200 estudantes de Secundaria, Bacharelato e Universidade de toda Galicia, que durante tres días poñen a proba as súas habilidades en oratoria, argumentación e pensamento crítico.