Delimitan o barrio Feijoo e A Milagrosa como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada

LugoXa
O Executivo de Paula Alvarellos aprobará este mércores na Xunta de Goberno Local a delimitación como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada
praza-milagrosa-lugo
Praza da Milagrosa
21 Maio 2024

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará este mércores na Xunta de Goberno Local a delimitación como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) da Milagrosa e o Barrio Feijoo. A rexedora informou que “este é o trámite previo a que o documento se remita á Xunta de Galicia o que permitirá, ademais, poder concorrer ás seguintes convocatorias de fondos que se abran para a rehabilitación de vivendas”.

Neste senso, a alcaldesa de Lugo apremiou ao Goberno galego a abrir canto antes unha nova convocatoria para actuar nestes barrios onde se concentran 1.025 edificios, dos que 931 teñen uso residencial, o que supón o 90,84 % do parque inmobiliario. Alvarellos Fondo incidiu en que “dos 2.540 millóns repartidos polo Estado en materia de rehabilitación residencial e vivenda social con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a Galicia correspóndelle o 5,84 %, é dicir 148 millóns de euros, dos que a Xunta só puxo en funcionamento 67 millóns ata o momento”.

Concretamente, 3,3 millóns para axudas á redacción de proxectos de rehabilitación e libros de edificios, 13,5 millóns para melloras de eficiencia, 23 millóns para axudas a nivel de edifico, 4,7 para as oficinas de rehabilitación e 22,8 millóns para o Programa de Barrios; por tanto aínda quedan aínda moitos millóns de euros para investir que aquí en Lugo precisamos.

Igualmente, lembrou que, do traballo de campo realizado por GAU para poder declarar A Milagrosa e o Barrio Feijoo como ERRP, despréndese que no ámbito do estudo, dos 86 edificios analizados a propiedade de 69 estaría interesada en acollerse ás subvencións. “Son en total 353 vivendas cuxa rehabilitación ascendería a 8.873.261 euros polo que ese financiamento sería moi ben recibido por todas estas persoas que, de maneira particular, queren mellorar as condicións de eficiencia enerxética e de habitabilidade das súas vivendas, por non falar tamén da inxección que suporía a súa concesión para a execución de proxectos municipais no espazo público”, engadiu.

A rexedora manterá un encontro coa veciñanza destes barrios, acompañada de técnicos de GAU, para explicarlles o contido da declaración que se aprobará e as actuacións que o Concello pretende levar a cabo, que forman parte da folla de ruta municipal para a rehabilitación desta zona da cidade, e para as que tamén se abrirá posteriormente un proceso participativo.

0.20327091217041