Dende o Concello animan á veciñanza a acudir as accións de concienciación no uso dos desfibriladores para familiarizarse coa súa utilización
A edil de Benestar Social, Olga López, anima á cidadanía a familiarizarse co uso dos desfiibriladores que o concello instalou en todas as dependencias municipais, urbanas e no rural, así como en prazas e espazos principais da cidade porque “todos estamos capacitados para utilizalos ante situacións de emerxencia, non é necesario que teñamos títulos homologados, solo coñecementos”, sostivo.
O executivo de Lara Méndez destinou máis de 216.000 euros á adquisición dos novos desfibriladores na estratexia Lugo con Corazón, convertendo a Lugo no municipio máis cardioprotexido do noroeste peninsular ao triplicar o cociente español de dispositivos á disposición da cidadanía. O obxectivo é salvar vidas e reducir os efectos dunha parada cardíaca reforzando as accións fóra do ámbito sanitario, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros minutos é imprescindible ao elevar as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa reduce a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%
Neste senso, a concelleira convida á veciñanza a participar nas campañas que o Concello está a desenvolver nas prazas públicas co obxectivo de formar aos veciños e veciñas no uso dos desfibriladores. As xornadas gratuítas, que comezaron no mes de xuño, continuarán ata setembro.
A edil apuntou que se trata dunha iniciativa “magnífica” para amosar á cidadanía como teñen que reaccionar ante unha situación de emerxencia, “achegando uns coñecementos básicos que poden salvar unha vida” e, sobre todo “para que a cidadanía perda o medo a utilizar estes dispositivos, moi intuitivos e fundamentais para incrementar as posibilidades de supervivencia tras unha parada cardíaca”.
Decenas de participantes, recibiron xa de mans do persoal sanitario sesións teóricas, prácticas e apuntamentos sobre manobras de reanimación ante unha situación de emerxencia con maniquíes, así como consellos e recomendacións ante unha parada cardiorrespiratoria utilizando para iso os Desfibriladores Semiautomáticos (DESA).
Así mesmo, a concelleira fixo un chamamento ao civismo trala desaparición dun desfibrilador instalado na Avenida da Coruña, nas inmediacións da Rúa San Lorenzo. A concelleira denunciou este acto vandálico, “así como calquera tipo de accións que danen o mobiliario urbano e o patrimonio da cidade”.
Neste senso, lamentou “a incapacidade dos autores para comprender que as súas accións danan un servizo cuxo único fin é salvar vidas nunha situación de emerxencia” ao tempo que lembrou que “o feito de subtraer un ben público constitúe un delito”.
Olga López avanzou que “á maior brevidade posible procederemos a repoñer o dispositivo” e apuntou que “sería totalmente inadmisible que, no caso de que unha persoa sufra unha parada cardíaca na zona, non poida ser reanimada porque o desfibrilador foi subtraído ou non funciona correctamente tras un ataque”.