Dende o PP de Lugo denuncian o mal estado do paseo do Miño
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo seguen a realizar chequeos do estado da cidade, "sobre todo no que se refire aos desbroces dos que tanto presume o goberno local que, ata segundo confirmaron, están a deixar a membros do bigoberno sen vacacións".
Neste senso, os populares achegáronse ata o paseo do Miño, unha zona transitada a diario por centos de lucenses para pasear e facer deporte pero que "en moitos puntos amosa un aspecto totalmente descoidado e, por suposto, sen desbrozar".
"Unha das zonas que peor imaxe presenta é a zona na que conflúen os paseos do Miño e do Rato, na que en reiteradas ocasións se pediu por parte do Partido Popular que o Concello de Lugo aproveitase os cursos fluviais do Miño e o Rato ao seu paso pola cidade para consolidar un gran parque periurbano continuo en Lugo, impulsando así o gran anel verde de Lugo" sinalaron.
Así mesmo, engadiron "a mágoa agora é que a zona na que se unen estes dous paseos podía estar en boas condicións, pero a realidade é que os camiños se atopan en mal estado, sen contar que a vexetación invade varios treitos dos mesmos".
Os concelleiros populares non entenden "este deixamento do goberno local sobre todo tendo en conta a publicidade que lle están a dar dende a parte socialista ao traballo que realizan neste ámbito. Ao igual que tampouco se entende que os nacionalistas permitan esta situación tendo en conta que cando Rubén Arroxo estaba na oposición era o primeiro en coller o mono de traballo e desbrozar el mesmo esta senda". "Vemos como a folla de ruta de socialistas e nacionalistas é a mesma, vender fotos nos medios de comunicación a calquera prezo”, lamentan.
Ademais, tamén explican que é un abandono que se repite noutros puntos ao longo deste paseo fluvial, "xa que seguindo o camiño cara a illa de Burneiros pode verse como o mazo de Burneiros (límite entre os concellos de Lugo e O Corgo) está totalmente abandonado".
"Unha zona abandonada por parte do goberno local, que presenta numerosas deficiencias, xa que as sendas peonís presentan numerosas fochancas, como as que se poden ver á altura do restaurante O Muíño, unha zona que o goberno local abandonou por completo ao permitir este tipo de imaxes e negarse a calquera iniciativa para mellorala ou facela máis atractiva, como a que propuxeron os populares hai poucos días para unir este paseo co parque Rosalía de Castro a través de dúas pasarelas" concluíron.