Dende rememorar o legado ourive ata tecer coma un castrexo: Lugo volve ás súas orixes
Por Lucía Blanco
Os romanos e os castrexos volverán a tomar as rúas de Lugo na nova edición do Arde Lucus. Do 13 ao 16 de xuño, deuses, druídas, comerciantes, soldados ou gladiadores traerán aos nosos días o legado cultural e histórico da Gallaecia romana. A través das numerosas propostas que preparan dende o Concello e dende as 19 asociacións que forman parte da festa de recreación histórica lucenses e visitantes poderán viaxar no tempo e gozar dende do tradicional espectáculo do circo, ata contemplar como era a vida nun castro ou aprender a tecer, a pintar ou a moer como se facía na época.
Dende Tir Na n'Og afrontan esta nova convocatoria con ganas de que a xente se anime a formar parte do programa. “A festa é a razón pola que existe a asociación, imos a outras celebracións pero o Arde Lucus é o Arde Lucus. Todos os anos presentamos algunha actividade ou renovamos o campamento, pero mantemos a mesma enerxía de sempre”, conta Lorena Boquete, a presidenta. Entre as súas propostas, poñen en marcha unha actividade sobre a decoración na plástica castrexa con pigmentos naturais.
“Estamos moi emocionados de traer isto porque levamos varios anos investigando como se facía e fomos a un curso para aprender e poder presentalo no público”. O seu estudo do tecido e do fiado culmina noutra das iniciativas estrela. “Imos ter unha actividade para que a xente veña a tecer con nós. Contaremos con varios tipos de teares, de baixa tecnoloxía, como os da época, listos para que probe todo o que se anime”.
Campamentos renovados
O colectivo ultima os detalles dunha preparación que, aseguran, leva meses. “Hai moito traballo detrás que nunca se ve e a loxística e deseñar as actividades implica tempo, aínda que o traballo duro, o físico, comeza coa montaxe a fin de semana anterior”. Esta edición garda un significado especial para este grupo que conta con máis dunha década de experiencia na cita. “É moi importante para nós, entre outros motivos, porque temos a unha parella que tivo ao seu fillo o ano pasado e non puideron vir entón vai ser a primeira vez co neno. Facemos moita comunidade porque levamos xuntos desde o principio e tamén supón dar un paso máis adiante e demostrar que seguimos aquí”.
O campamento da asociación Clan de Breogán, que se encarga da divulgación histórica relativa ao mundo galaico, é unha das súas principais novidades. “O que máis vai chamar a atención é o novo peche perimetral que vai moito máis adaptado ao que podería ser o peche dun castro. Ninguén ten o estilo que fixemos agora mesmo, é algo totalmente distinto”, conta Mónica Rodríguez.
Colección de cerámicas e xoias
Os castrexos foron grandes ourives na súa época, polo que dende o colectivo apostan por presentar unha colección de pezas de cerámica e xoiería. “Esperamos facer unha presentación dos obxectos, que están en proceso de fabricación, porque a colección está bastante completa pero optamos cada ano por incorporar 1 ou 2 máis”. Tamén estrean unha colaboración con Puraga, a asociación de criadores de cabalos de pura raza galega, da que nace unha peza audiovisual sobre a presenza dos exemplares equinos na antiga Gallaecia que verá a súa luz na festa.
“A presenza do cabalo está documentada dende fai miles de anos e como está no noso logo tamén nos parecía unha colaboración moi interesante”. Todo o traballo de Clan de Breogán responde a unha rigorosa documentación para achegar aspectos da vida cotiá dos nosos devanceiros. “Somos castrexos e o que está claro e que non imos a cambiar a historia de fai 2000 anos agás que alguén o xustifique. En todo o que facemos ímonos documentando e asesorando cun arqueólogo e con especialistas na materia”.
Xunto con Mercenarios Galaicos, Cohors III Lucensium, Ara Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Guardia Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Pax Romana Lucus, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti compoñen o tecido asociativo grazas ao que en cada edición se rememora a fundación da cidade, se reconstrúe a convivencia entre romanos e castrexos e se achega un pasado que sigue máis vivo que nunca.