Denuncian a falta de iluminación no barrio da Piringalla e o estado de abandono do seu castro

LugoXa
A Asociación Veciñanza María Balteira de Lugo pide unha reforma integral da iluminación e desde a Plataforma Lugo en Pé solicitan a posta en valor do Castro como reclamo turístico
castro_da_piringalla
29 Xuño 2024

A Asociación Veciñanza María Balteira de Lugo denuncia, despois de realizar un traballo de campo sobre a iluminación no barrio da Piringalla, que as luminarias existentes son “deficientes, están completamente obsoletas, ademais de ser altamente contaminantes e de elevado consumo e escasa intensidade”. Nesta situación encóntranse, aseguran, a rúa Caravel, Lavandeira, Magnolia, Margarida, Flor de Malva e Santo Graal.

O colectivo destaca a importancia da redución de custos de lámpadas led a incandescentes, xa que a amortización da nova iluminación faise en menos de dous anos, polo cal non entenden que non se realicen os oportunos cambios. Por iso, solicitan que cos orzamentos do ano 2024 se realice unha reforma integral da iluminación do barrio da Piringalla.

Por outra banda, desde a Plataforma Lugo en Pé denuncian o estado “lamentable e de abandono total e absoluto por parte da Xunta de Galicia” do Castro da Piringalla. Nunha das zonas mais altas de Lugo, á beira da Nacional VI e limitando co vello deposito da auga, atópase este xacemento que está totalmente “invadido pola maleza”, polo que practicamente non se poden ver os restos. “Atopándose nunha situación lamentable. Non hai nin sequera sinalización e non se terminaron os labores arqueolóxicos”, afirman.

Para o colectivo, a Consellería de Cultura demostra “un abandono e un desprezo cara á nosa historia e cara ó noso pasado histórico”. Lembran que o Castro da Piringalla data da idade de Ferro, é anterior á Romanización e moi preto atópanse tamén os restos do acueduto que trasladaba a auga. Solicitan a súa posta en valor como reclamo turístico, a limpeza da vexetación e a súa contorna, a sinalización e terminación dos labores arqueolóxicos da contorna.

rua_lavandeira_lugo
0.11975121498108