Denuncian o "desmantelamento" da Oficina Agraria de Castroverde
Os socialistas de Baleira e de Castroverde denuncian o "desmantelamento" que sofre a Oficina Agraria situada no municipio de Castroverde, e que tamén atende aos usuarios de Baleira.
Aseguran que, dende o mes de marzo do pasado ano, a oficina agraria está "sen técnico fixo e sen administrativo de apoio", e que esa falta de persoal estaría a provocar "numerosas deficiencias" ás preto de 500 explotacións gandeiras que dependen dela. Falan de retrasos nas tramitacións de expedentes e subvencións, como tamén nas inspeccións, visitas ou certificacións.
O PSOE atribúe a situación da Oficina Agraria de Castroverde "unha vez máis, ao esquecemento que sofre o rural da provincia" e pídenlle á Xunta que cubra as necesidades dun servizo agrario "imprescindible para a comarca".