Denuncian o intento de peche do Centro de Saúde de Nadela e reclaman garantir a atención primaria

LugoXa
Rubén Arroxo e Montse Valcárcel reuníronse coa veciñanza, que cada verán mobilízase para evitar quedar sen servizo sanitario
centro-de-saude-Nadela-Lugo
22 Aug 2025

O BNG volveu amosar o seu apoio á veciñanza de Nadela, en Lugo, que leva anos mobilizándose para impedir o peche do seu centro de saúde durante os meses de verán.

O portavoz municipal, Rubén Arroxo, e a deputada no Parlamento galego, Montse Valcárcel, mantiveron un encontro cos veciños e veciñas da parroquia, denunciando o que consideran “unha estratexia do PP de desmantelamento da sanidade pública”.

Arroxo lembrou que “cada ano a Xunta remata anunciando que volverá abrir o centro despois das protestas da veciñanza e do BNG”, unha situación que, segundo indicou, evidencia a falta de compromiso do Goberno galego coa atención sanitaria no rural.

Pola súa parte, Montse Valcárcel subliñou que este centro dá servizo a máis de 700 persoas, moitas delas maiores ou con problemas de mobilidade, e criticou que “durante o verán a Xunta obrigue á veciñanza a desprazarse de maneira innecesaria a outros centros de saúde”. A deputada advertiu de que “a atención primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario e está a vivir unha situación límite pola precarización impulsada desde a Xunta”.

O BNG comprometeuse a seguir apoiando as mobilizacións e levando a problemática ás institucións. Valcárcel concluíu asegurando que, “grazas á loita da veciñanza e ao apoio do BNG, Nadela volverá contar co seu centro de saúde a partir de setembro”, ao tempo que advertiu contra os intentos de peche nun contexto de “desmantelamento da sanidade pública”.

⚙ Configurar cookies
0.55362701416016