Denuncian o mal estado da beirarrúa na rúa Anduriñas por paradas de autobuses urbanos

LugoXa
Os veciños alertan de que os vehículos paran sobre a beirarrúa para cambiar de quenda
autobús-beirrua-Ronda-da-Muralla-Lugo
3 Jul 2025

A veciñanza de Lugo está a denunciar o progresivo deterioro da beirarrúa situada ao final da rúa Anduriña, xusto diante do cartel que indica a praza Bispo Odoario.

Esta beirarrúa, feita con plaquetas de formigón, amosa un desgaste visible e está desfeita debido a que os autobuses urbanos paran e cambian de quenda enriba dela, algo que provoca a preocupación de moitos residentes.

Un dos veciños explicou que "o outro día estaba na praza e vin como un autobús estivo parado máis de cinco minutos enriba da beirarrúa, algo que non está permitido, e o condutor baixou a fumar un pitillo. Pregunteille se lle parecía normal estar aí parado e díxome que o fan todos".

Sorprendidos por esta situación, os veciños aseguran que non é un caso illado, senón que, tal como afirmou ese condutor, é unha práctica habitual entre os condutores de autobuses urbanos de Lugo.

A Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria prohibe estacionar sobre as beirarrúas, paseos e demais zonas destinadas ao paso de peóns. Por iso, a veciñanza reclama explicacións ao Concello de Lugo, xa que esta situación leva meses a prolongarse.

⚙ Configurar cookies
0.82262301445007