Denuncian o mal estado da estrada LU-P-1403 en Cervantes

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, xunto ao voceiro do PP en Cervantes, Óscar Fernández, e varios concelleiros da localidade, comprobaron persoalmente o "lamentable estado de conservación" da estrada provincial LU-P-1403, que, segundo afirman, "nunha gran parte do seu percorrido está en terra e grava".
Antonio Ameijide cualificou esta situación como "un novo exemplo do abandono do PSOE e BNG ás estradas provinciais", facendo especial énfase no feito de que a estrada se atopa a menos de cinco quilómetros de onde o goberno provincial investiu un millón de euros no que considera "o maior pelotazo inmobiliario na compra dun castelo".
En opinión do voceiro popular, “mentres se malgastan millóns en iniciativas innecesarias, os veciños de Cervantes teñen que comunicarse por estradas como esta, sen asfaltar, totalmente inseguras e que nada teñen que ver co século XXI”.
Ameijide tamén recordou que esta estrada non é o único agravio dos gobernos de PSOE e BNG cos veciños de Cervantes. Mencionou outros casos como o da estrada LU-P-1401, que presenta afundimentos ao carón de varias vivendas, poñendo en risco a seguridade viaria, así como o subministro eléctrico para os veciños da zona, xa que, segundo afirmou, "ata caen os postes da luz". Outro exemplo de desleixo, segundo os populares, é a estrada LU-P-1409, que carece de biondas e elementos de seguridade para evitar posibles caídas nos terrapléns de varios centos de metros que rodean a vía.
Pola súa parte, Óscar Fernández, voceiro do PP en Cervantes, lembrou que a estrada LU-P-1403 foi aberta ao tráfico hai uns 40 anos e que é utilizada principalmente por veciños de localidades como Santa Marta, Vilar de Mouros ou Os Prados. Fernández destacou que "é moi complicado circular por esta estrada ata cun todoterreo".
O voceiro popular tamén explicou que, en outubro do ano pasado, o seu grupo político xa pedira no pleno que se instara ao goberno provincial a acometer a pavimentación desta estrada. A proposta, que contou co voto a favor do PSOE, non foi atendida. "O goberno local dixo que ía realizar unha petición formal para o seu arranxo, pero a realidade é que nada se fixo, só investiron no Castelo de Doiras mentres abandonaron as estradas provinciais", denunciou Fernández.