Denuncian que o centro de saúde de Doiras continúa pechado
A comezos do mes de xullo a Consellaría de Sanidade fixo asegurou a reapertura do consultorio de Doiras, co servizo de enfermería, no mes de agosto. Comezado o mes as veciñas e veciños atópanse co consultorio pechado e sen ningunha información sobre cando se vai recuperar o servizo. “Aínda que consideramos que isto é insuficiente para dar servizo á veciñanza é un servizo imprescindible para as persoas destas parroquias afectadas”.
Por este motivo, programan unha convocatoria de concentración-asemblea o vindeiro luns día 5 de agosto ás 11.00 horas diante do consultorio de Doiras. Ata o momento, o centro de saúde de Doiras viña prestando asistencia sanitaria de luns a venres entre as 10.00 horas e as 15.00 horas a un total de 238 persoas. Esta poboación agora poderá ter que desprazarse 18 quilómetros máis dos que xa fai agora. Unha distancia que en tempo se multiplica pola orografía do concello, chegando a desprazamentos de arredor de 40 minutos.
Lembran que esta situación é especialmente grave tendo en conta que se trata dunha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte que non dispón de servizo de transporte público, e en moitos casos tampouco. Defenden que isto supón unha vulneración flagrante dos dereitos fundamentais da veciñanza afectada directamente, que impide o seu acceso á sanidade pública de maneira próxima e afonda na desigualdade, cada vez maior, da poboación dos concellos rurais e especialmente da montaña.
Ademais afectará de xeito importante á calidade do servizo prestado no conxunto do concello. Por iso rexeitan o peche do consultorio de Doiras, denuncian as “mentiras” do PP ao anunciar a reapertura no mes de agosto e demandan á Xunta que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante no centro de saúde de Doiras, así como que garanta a continuidade da enfermaría co obxectivo de que a poboación adscrita a este centro continúe a recibir asistencia con normalidade nel.
Entre os asinantes encóntranse a Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia e a A.C. O Teixeiro.