Deportistas de Lugo, Monforte e Sarria participan dos XV Xogos do Eixo Atlántico
O secretario de Estado do Deporte de Portugal, Pedro Días; o presidente do Eixo Atlántico, Luis Nobre; o vicepresidente do Eixo Atlántico, Alfredo García; o presidente de Vila Nova de Famalicão, Mário Pasos; e o presidente de Braga, Ricardo Río, xuntamente con representantes de todas as cidades participantes, e o presidente do Grupo Temático de Deporte, José Guilherme Aguiar, e o secretario-xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, recibiron os 2.400 participantes nos xardíns dos Paços do Concello de Vila Nova de Famalicão, dando por inaugurada a XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico.
Durante o evento desfilaron as 27 delegacións que participan este ano e que reunirán 2.400 participantes, o número máis alto en toda a historia dos Xogos.
O deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, participou no acto de inauguración dos XV Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán ata o 5 de xullo nas cidades de Vila Nova de Famalicão e Braga.
Na cerimonia de apertura, Rivera Capón subliñou o compromiso da Deputación de Lugo con este evento, onde a provincia está representada por mozos e mozas de 19 modalidades deportivas de clubs dos concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria.
Durante unha semana, os XV Xogos do Eixo Atlántico reunirá a deportistas de Galicia e do Norte de Portugal, competindo en balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. Como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino súmase Fútbol 7 feminino.
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 150 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de todos os cidadáns.
Nesta XV edición, o deportista homenaxeado é Luís Silva, medalla de ouro no Campionato da Europa de Boccia en 2013. O atleta paralímpico é o primeiro famalicense a conquistar unha medalla olímpica obtendo a prata na modalidade Pares BC3 nos Xogos Paralímpicos de Londres, en 2012. Tamén foi homenaxeado Quino Quintas, unha persoa moi metida na organización de todas as edicións dos Xogos do Eixo Atlántico e que deixou a súa marca nos mesmos.