As institucións públicas apoian as iniciativas de Alcer Lugo polo Día Mundial do Ril

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, visitou a mesa de cuestación instalada pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER Lugo) diante do Pazo de San Marcos, animando a todas as persoas a achegarse ás mesas informativas que o colectivo instalará ao longo da cidade.
Rivera Capón destacou a importancia de concienciar á poboación sobre a prevención e a detección precoz da enfermidade renal crónica, así como o compromiso de ALCER Lugo, que leva máis de 40 anos prestando apoio ás persoas afectadas. O deputado tamén recordou a colaboración da Deputación mediante unha axuda anual de 6.000 euros.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, visitou unha das mesas informativas instaladas ao carón da casa consistorial con motivo do Día Mundial do Ril 2026.
O rexedor destacou “o avance da enfermidade renal crónica e a importancia de darlle visibilidade, ademais de promover bos hábitos de saúde e medidas de prevención das patoloxías asociadas ao ril”.
Miguel Fernández agradeceu tamén ás traballadoras de Alcer Lugo o “importante labor que realizan desde 1981 no asesoramento da enfermidade, na prestación de servizos para mellorar a calidade de vida dos pacientes e na información á cidadanía en xeral”.
Pola súa parte, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, fixo fincapé na atención que desde o Servizo Galego de Saúde se presta á mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade renal durante a xornada divulgativa, celebrada na biblioteca do Hospital Universitario Lucus Augusti, con motivo do Día mundial do ril.
Na súa intervención no acto, no que tamén participou o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade resaltou a relevancia das asociacións de pacientes.
“Sodes un actor fundamental que nos permite coñecer as necesidades dos pacientes e a vosa visión resulta inestimable para ser conscientes de todas esas variables que quedan fóra da historia clínica pero que inciden de forma importante no voso benestar”, subliñou Natalia Lobato.
Na mesma liña de mellora da calidade de vida dos pacientes, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade resaltou o traballo do hospital lucense a través do seu programa pioneiro de hemodiálise a domicilio.
No referente á detección temperá da enfermidade renal, Natalia Lobato trasladou que o Servizo Galego de Saúde traballa para estender o proxecto Galión, un procedemento que permite, tanto identificar aos pacientes que xa presentan a enfermidade renal de forma precoz, como aqueles que teñen risco de padecela.