Deputación e Concello asinan un convenio de cesión con respecto á LU-P-2911
A LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, pasa a ser propiedade do Concello despois de que o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaran a cesión da vía provincial, unha medida aprobada no Pleno provincial coa que a institución dá resposta a unha solicitude do Goberno local ao tratarse dun treito urbano con servizos urbanísticos de titularidade municipal. Esta estrada ten 730 metros de lonxitude e parte da intersección coa estrada vella de Santiago, da Ponte Vella, rematando nas proximidades da igrexa de San Lázaro.
José Tomé e Lara Méndez visitaron esta vía acompañados da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández.
O presidente enmarcou a cesión de Fermín Rivera no compromiso da Deputación de cooperar cos concellos. “Esta é a nosa función esencial, colaborar cos 67 concellos da provincia na medida das posibilidades e dos recursos da institución para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas. Por iso, cando o Concello de Lugo nos plantexou a cesión da rúa Fermín Rivera, puxémonos a traballar para facelo, tendo en conta ademais que esta vía está na malla urbana da cidade, polo tanto, ten máis sentido que sexa municipal ca provincial”.
José Tomé destacou que “a cesión ten como obxectivo permitir unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga e para a ordenación do tráfico rodado e peonil”. Trátase dunha vía que transcorre por un treito urbano, nunha zona de interese para a veciñanza lucense ao atoparse o Club Fluvial ou a igrexa de San Lázaro, que pola súa actividade atraen un importante volume de tráfico.
Na actualidade a estrada presenta un firme asfaltado en boas condicións e conta con beirarrúas na marxe dereita e cun tramo que tamén as ten na marxe esquerda. Así mesmo, a vía conecta con estradas municipais, tanto no extremo que linda coa estrada vella de Santiago, coma no estremo que continúa pola estrada de Orbazai cara a ponte sobre o río Mera.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu á Deputación a transferencia desta rúa, de 703 metros de lonxitude, solicitada polo Concello de Lugo, "xa que posibilitará unha actuación máis áxil dos servizos municipais sobre o mantemento das dotacións públicas e a ordenación do tráfico na contorna". Lembrou, neste senso, que as dotacións do viario, como a iluminación ou o abastecemento, son xa de titularidade municipal, “polo que consideramos oportuna e conveniente esta cesión".
A rexedora enmarcou esta transferencia “na relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde coas liñas de actuación fixadas por este goberno cara o crecemento sostible e integrador que deseñamos para Lugo”.
Así mesmo, Méndez destacou que "damos, ademais, resposta a unha demanda veciñal. A presenza nesta estrada da Igrexa de San Lázaro e do Club Fluvial propicia un importante nivel de tráfico, netamente de tipo urbano, motivado polo uso residencial pero tamén vencellado ao desenvolvemento de actividades sociais, deportivas e de recreo que propician estas instalacións, “o que redunda no interese da xestión da mobilidade peonil e da circulación rodada en favor do Concello”, apuntou.
MÁIS DE 3,2 MILLÓNS DE EUROS DE INVESTIMENTO EN LUGO
O presidente destacou que esta cesión é unha máis das liñas de apoio da Deputación ao Concello que están en marcha a día de hoxe e que superan en total os 3,2millóns de euros. A pasada semana o presidente, co acordo da alcaldesa, anunciou un proxecto cun investimento inicialmente previsto de máis de 300.000 euros para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do complexo de Santa María, que cuadriplicará o número de prazas de estacionamento para uso público, pasando de 40 a 165.
O mandatario provincial e a rexedora tamén asinaron recentemente un convenio de colaboración a través do que a Deputación achega máis de 300.000 euros, o 80% do investimento necesario, para a creación dunha plataforma de baño pública no Miño.
A Deputación ten en marcha ademais as obras de desdobramento e humanización da Avenida Duquesa de Lugo cun investimento de 1,4 millóns de euros e cada ano transfire ao Concello 500.000 euros a través do Plan Único para acometer diversas actuacións, sobre todo no rural.
A institución colabora con outras iniciativas que están a transformar o modelo urbano e produtivo de Lugo, como o proxecto Life Lugo+Biodinámico, ao que destina medio millón de euros.
En materia de estradas, a Deputación tamén está acometendo a mellora da estrada provincial LU-P-2901, de Lugo a Palas de Rei, cun investimento total que supera os 200.000 euros.