Deputación e Concello de Palas de Rei acordan a cesión e mellora dun tramo da estrada LU-P-2901

A Deputación de Lugo vén de ceder ao Concello de Palas de Rei a titularidade do tramo urbano da estrada LU-P-2901 ao seu paso pola localidade.
O acordo firmado polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca,e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada Camoira, inclúe tamén o arranxo deste treito, de 816 metros, entre o cruce coa N-547 e o final da rúa Agro do Rolo, cun investimento próximo aos 100.000 euros.
Durante a súa visita ao municipio, Tomé Roca explicou que esta actuación dá resposta a unha demanda concreta do Concello de Palas de Rei, e que permitirá mellorar a mobilidade, a seguridade e a calidade de vida da veciñanza. “Entendemos que é así como se constrúe un territorio máis vertebrado, máis igualitario e con máis oportunidades para todos e todas”, sinalou o mandatario provincial.
O presidente da Deputación destacou que esta cesión enmárcase no compromiso coa Mobilidade, área á que este ano se destina o 21% do orzamento provincial, 27 millóns de euros, e tamén na cooperación cos concellos, que cualificou como eixe fundamental da acción de goberno.
A estrada LU-P-2901, que conecta Lugo con Palas de Rei, é unha vía de uso cotián para moitos veciños e veciñas e vertebra numerosos negocios e servizos, entre eles establecementos comerciais, locais de hostalaría e unha funeraria, o que a converte nun eixo clave para a dinamización social e económica da vila.
As obras de mellora, que se licitarán de inmediato tras a firma do convenio, afectarán ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 5,180 e 35,996, e consistirán en actuacións de drenaxe, renovación do firme e mellora da sinalización. Ao acto de sinatura asistiron tamén a deputada Pilar García Porto, o xefe do servizo de Vías e Obras da Deputación e varios membros da corporación municipal.