Deputados do PP maniféstanse para esixir a apertura inmediata da residencia de Becerreá

LugoXa
O portavoz, Antonio Ameijide, incide en que “o goberno de PSOE e BNG está a privar aos veciños deste servizo”
residencia-becerrea-pp
9 Ago 2024

“O Grupo Provincial Popular seguirá do lado dos veciños de Becerreá e a comarca ata que a residencia de maiores con capacidade para uns 140 usuarios e que daría emprego a un centenar de persoas abra as súas portas garantindo un servizo de calidade”, segundo reitera o portavoz, Antonio Ameijide.

O popular avanza así que “mañá acompañaremos aos veciños na reivindicación para a posta en marcha de forma inmediata dun servizo comprometido polo goberno provincial de PSOE e BNG; pero que, a pesar de ser moi demandado, se segue privando del aos veciños por capricho político de Tomé, o PSOE e o BNG”. Deputados do Partido Popular participarán na manifestación convocada pola Plataforma Pro Residencia de Becerreá que sairá ás 11.00 horas dende o IESP ata o edificio da residencia “que se rematou de construír fai máis de dous anos e medio e que, ante a falta de uso e mantemento, xa se empeza a deteriorar como se aprecia no exterior”.

Ameijide lembra que “nunha visita recente apreciamos dende o exterior intentos de entrar ao inmoble e que xa precisa algunha reparación, por exemplo, na fachada”. Tras detectar algún dano no exterior, os deputados provinciais do PP solicitaron formalmente ao presidente, José Tomé, establecer e comunicar hora e data no mes de xullo, persoal provincial acompañante e medidas necesarias para garantir a seguridade para a visita ao seu interior; pero “non tivemos resposta”.

O popular condena “a política de ocultismo do presidente e o goberno do PSOE e o BNG” e da negativa constante a que os deputados do Grupo Popular accedamos aos edificios de titularidade provincial”. Ameijide incide, ademais, en que “xa recorremos á Valedora do Pobo que o pasado 15 de marzo resolvía que, efectivamente, temos dereito a acceder e que é suficiente cunha sinxela comunicación, nin sequera unha solicitude ao presidente”.

O portavoz do PP condena o “autoritarismo de Tomé” que “coñecen ben os veciños e veciñas de Becerreá aos que o presidente expulsa en cada un dos plenos provinciais ao que asisten para reclamar a posta en marcha da residencia comarcal de maiores”.  Os populares sinalan que “nin sabemos se o edificio dispón xa de conexión á rede eléctrica, de mobiliario de cociña e de contratar ao persoal”.

Polo que afean que “o anuncio que o presidente da Deputación realizou en abril deste ano de ‘priorizar’ a posta en marcha desta residencia de maiores foi unha fuxida cara adiante derivada da demanda presentada polo Concello de Becerreá nos xulgados contra a Deputación de Lugo”, sinalou. “Un escudo ou escusa para tratar de defenderse no caso de que a xustiza lle reclame responsabilidades por non cumprir co compromiso de poñer en marcha a residencia no prazo establecido no convenio: antes do 19 de decembro de 2023”, concluíu.

0.1369411945343