Desbloquean o Plan Paradai para poder atallar as crecidas do Rato
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga asinaban esta mañá o convenio do Plan Paradai.
Un documento que recolle as actuacións necesarias para - segundo sinalou a rexedora - “seguir avanzando no desenvolvemento dos barrios das Gándaras e Paradai, 21 anos despois de comprometer coa Xunta de Galicia a súa unión”.
Lara Méndez explicou que o acordo terá por obxecto a execución dos estudos, proxectos e obras que permitan reducir o risco de inundación durante as crecidas producidas polo río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira.
A alcaldesa lembrou que as actuacións que recolle abranguen a redacción dun proxecto que permita mellorar a capacidade de desaugadoiro do tramo fluvial canalizado nese enclave concreto, intervindo sobre a sección canalizada do treito sito augas arriba do caixón de formigón que discorre soterrado, para aumentar a súa capacidade o que obriga a modificar a xeometría actualmente existente.
No proxecto estudarase, así mesmo, a conveniencia de actuar da mesma maneira no tramo de río canalizado augas abaixo da glorieta.
Orzamento
O investimento total para a execución das obras estímase en 650.000 euros, dos que a CHMS achegará 487.500 €, o que supón unha porcentaxe do 75%, e o Concello de Lugo aportará o 25% restante (162.500 €).
A Confederación Hidrográfica afrontará, con eses cartos, o custo de execución dos traballos, dirección e vixilancia dos mesmos, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde estimados, e unha vez finalizadas e recibidas as obras trasladarase comunicación ao Concello. Correspóndenlle, tamén, á Confederación licitar, adxudicar e xestionar os contratos precisos, así como as demais actuacións necesarias para executar o convenio ata a súa terminación definitiva.
Pola súa banda, será responsabilidade municipal o mantemento e conservación das obras obxecto do acordo – segundo a repartición competencial sobre o dominio público que a lexislación de augas establece – e a aprobación do proxecto construtivo, redactado pola Confederación, de forma que substitúa ao outorgamento da licenza municipal, no caso de que esta resultase necesaria.
O acordo, “froito da colaboración permanente entrámbalas dúas entidades”, como subliñou a rexedora, terá unha duración de catro anos que poderá ser prorrogado, en caso de que sexa necesario, por catro anos máis.
Así, Lara Méndez referiu que “para o desenvolvemento desta colaboración e ata o momento da entrega das actuacións, establecerase unha Comisión Mixta que estará composta por un representante de cada unha das partes e que terá, entre os seus cometidos, o seguimento, vixilancia e control da execución do Convenio e dos compromisos adquiridos ao seu abeiro, así como a solución das dúbidas que poidan xurdir en canto á súa interpretación e cumprimento”.
Para a alcaldesa de Lugo, “hoxe é un día moi positivo, porque resultaba necesario dar pasos para seguir impulsando o crecemento da cidade pero tamén o desenvolvemento urbanístico deste punto da capital, mellorando as comunicacións e a súa conectividade pero, sobre todo, saldando unha débeda histórica coa súa veciñanza”, concluíu Lara Méndez.