Descartada a neglixencia grave dos investigados polo expediente da Fábrica da Luz
O instrutor do procedemento para a esixencia de responsabilidades derivado da xestión da concesión da Minicentral Hidroeléctrica da Fábrica da Luz vén de descartar, na súa contestación ás alegacións e trámite de audiencia previo á proposta de resolución, que tanto o titular naquel momento da área de Desenvolvemento Sostible como o funcionario responsable do contrato cometeran dolo, culpa ou neglixencia graves na abordaxe do devandito expediente. Tal e como esixe o procedemento legal en curso para que a acción de regreso por parte da Administración sexa viable á hora de esixir que ámbolos dous respondan co seu patrimonio persoal á indemnización abonada á empresa concesionaria das obras.
Desde xeito, o instrutor deixa constancia, en reiteradas ocasións, durante o seu informe de que o feito principal dos cargos investigados - a solicitude de prórroga fóra de prazo - tivo o seu orixe na equivocación do responsable do contrato sobre o prazo no que esta se podía solicitar e estima as alegacións presentadas polas partes ao respecto nas que queda constancia de que nin a empresa concesionaria, nin a propia Confederación Hidrográfica parecían ser coñecedoras desa limitación temporal ao non telo advertido en ningún momento.
De feito, se ten en conta que a propia CHMS non denegou a prórroga e os requirimentos que fixo ao Concello para que se instara á mesma ían tamén fóra do prazo establecido en dous meses de antelación ao remate das obras.
No caso do funcionario municipal, o instrutor achácalle unha conduta omisiva e de falta de dilixencia pero que non reviste gravidade ou a notoriedade que requiriría para ser considerado responsable dos feitos e esixirlle o reintegro da indemnización abonada á empresa, ao non estar ante a comisión de ningunha ilegalidade manifesta, cualificada e intencionada, senón máis ben ante unha irregularidade administrativa non intencionada e excusable por non advertir do incumprimento dun prazo legal.
E, en canto ao ex edil, exímeo de responsabilidade na súa condición de cargo político ao que non se lle pode esixir coñecementos técnicos ou xurídicos tan específicos tendo en conta, ademais, que, polo xa relatado, queda acreditado que non era coñecedor da obriga de solicitar a prórroga con dous meses de antelación nin tivera recibido ningún aviso ou advertencia ao respecto.
Xa no que ten que ver coa investigación dos feitos secundarios que derivaron da solicitude fóra de prazo da prórroga das obras, como é a reclamación dos danos e prexuízos por parte da concesionaria, o instrutor acepta os atenuantes presentados polos investigados con relación á complexidade técnica e xurídica do expediente e fai fincapé en que non se trata dunha cuestión primordial no prego de cargos por non seren os feitos principais lesivos que deron lugar á indemnización á empresa.
De novo, asegura non apreciar dolo, culpa ou neglixencia graves (a esixida para que a reclamación prospere) por parte do funcionario, senón unha imprudencia leve por omisión da súa función de elaboración dos informes por escrito que se lle solicitaron dende o Servizo de Contratación, o mesmo que no caso do ex concelleiro ao que achaca unha leve falta de dilixencia para darlle impulso ao expediente, tendo en conta que non era coñecedor do feito principal: a equivocación no prazo legal de solicitude de prórroga.
Con relación ás 7 alegacións presentadas polos concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular, só estima a correspondente á súa consideración como interesados no expediente con lexitimación para participar nas actuacións e descarta que tanto a alcaldesa como o actual asesor xurídico do Concello tiveran participación activa ou pasiva nos feitos.
Tamén descarta as pretensións do grupo da oposición de ampliar ilimitadamente a investigación, tanto a outras persoas (funcionarias e persoal eventual) como sobre outros feitos que non se consideran obxecto da mesma, e rexeita os seus argumentos sobre unha posible intencionalidade ou demora inxustificada na resolución do expediente por parte do responsable do contrato e do ex concelleiro de Desenvolvemento Sostible aos que só se lles pode achacar descoñecemento de que a prórroga debía solicitarse con 2 meses de antelación.
Acepta en cambio, parcialmente, que se incorpore a proba documental presentada polo PP co seu escrito e a súa petición para que se identifique ao persoal eventual e membros de secretaría de Alcaldía e de Rexistro encargados de recibir e xestionar a documentación e comunicacións que se dirixen á Alcaldía pero que non chegan a esta área, senón que son distribuídas directamente aos servizos correspondentes, e desbota tomarlles declaración por consideralo manifestamente innecesario.
O instrutor determina, así mesmo, improcedente practicar ningún tipo de proba adicional xa que, ao seu xuízo, os feitos e circunstancias relevantes da investigación quedan suficientemente perfilados coa documental do expediente administrativo e as distintas alegacións e aclaracións presentadas e anuncia a apertura do trámite de audiencia por un período de 10 días hábiles (que rematará o próximo luns, 16 de xaneiro) para que as partes poidan examinar o expediente e alegar ou presentar os documentos que estimen pertinentes.
Antes de rematar, o instrutor refire igualmente que, pese a considerar leve a culpa ou neglixencia cometida polos investigados e a determinar a inexistencia dun comportamento grave que ampare a esixencia de responsabilidades persoais aos mesmos, atopou na tramitación do devandito expediente defectos e falta de dilixencia polo que advertiu ao Executivo local da necesidade de adoptar, entre outras, medidas de tipo organizativo e formativo, que melloren a tramitación dos expedientes administrativos e a coordinación interna entre os diferentes servizos municipais para evitar que este tipo de situacións, que ocasionan un importante prexuízo ás arcas públicas, se repitan no futuro.