Descobren unha piscina romana e numerosas pezas históricas nas últimas escavacións do Balneario de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou os traballos arqueolóxicos máis recentes realizados no Balneario da cidade, acompañado polo propietario do recinto, Antonio Garaloces.
Durante a visita, Arias agradeceu “a sensibilidade que amosa en relación ao rico patrimonio que alberga este recinto, reflectida nos valiosos elementos que foron descubertos e postos en valor en distintas campañas, especialmente as antigas termas”.
As escavacións contaron coa implicación da Fundación Luis Monteagudo, cuxa colaboración foi destacada por Arias, e permitiron exhumar unha piscina romana, ademais doutras pezas de gran interese arqueolóxico como aras, elementos cerámicos e de madeira, moedas, puntas de lanza ou frechas.
Todos estes achados deberán ser estudados e catalogados antes de pasar a formar parte do patrimonio custodiado pola Xunta de Galicia.
Javier Arias subliñou que o Balneario de Lugo “é parte da nosa historia, tan antigo como a propia cidade, e afortunadamente segue a ser un importante activo cultural e turístico polas súas augas e pola súa contribución ao patrimonio arqueolóxico de Lugo”.