Descontento entre BNG e PSOE de Outeiro de Rei por bloquear as propostas do pleno

LugoXa | TerraChaXa
Os nacionalistas defendían a creación dun Plan de Revitalización Económica do centro da vila e os socialistas reclamaban a mellora do servizo de atención a animais abandonados
pleno-outeiro-de-rei
27 Feb 2026

O Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei lamenta o voto en contra do equipo de goberno do Partido Popular á moción presentada polos nacionalistas no pleno municipal para impulsar un Plan de Revitalización Económica e Comercial do centro da vila, unha proposta que buscaba dar resposta á perda progresiva de servizos, actividade comercial e dinamismo social no núcleo urbano.

A concelleira do BNG, Elvira Lombao, criticou que o goberno municipal “volveu demostrar a súa falta de proxecto para o centro da vila, votando en contra dunha iniciativa construtiva pensada para mellorar a vida da veciñanza e apoiar á economía local”.

Desde o BNG lembran que nos últimos anos o centro de Outeiro de Rei perdeu servizos básicos fundamentais, como o recente peche do supermercado, unha situación que afecta especialmente ás persoas maiores ou con dificultades de mobilidade que carecen de alternativas próximas para realizar compras do día a día. A esta situación súmase tamén a limitación do servizo da farmacia próxima ao centro, que deixou de prestar atención 24 horas.

“O problema non é só económico, é tamén social. Cada negocio que pecha supón menos vida, menos relacións sociais e menos oportunidades para o noso concello”, sinalou Lombao.

A portavoz nacionalista subliñou ademais que existen numerosos exemplos de concellos da contorna, con menor poboación, como Rábade, Castro de Rei ou Friol, que conseguiron manter unha actividade comercial activa nas súas capitalidades grazas a políticas municipais de apoio e dinamización. “Mentres outros concellos apostan polo seu comercio e polos servizos de proximidade, en Outeiro de Rei o goberno local opta pola inacción”, afirmou.

O BNG denunciou tamén as dificultades trasladadas por persoas emprendedoras e profesionais que intentaron abrir negocios ou oficinas na vila e que atoparon trabas administrativas e falta de colaboración municipal. “Un Concello debería facilitar que a xente invista e cree actividade económica, non converterse nun obstáculo”, indicou Lombao.

A moción presentada polos nacionalistas propoñía a elaboración urxente dun Plan de Revitalización Económica e Comercial, a revisión das ordenanzas urbanísticas para eliminar atrancos burocráticos, a creación dunha liña municipal de axudas para a apertura de novos negocios en baixos pechados. “O PP decidiu votar en contra de medidas concretas e perfectamente asumíbeis para reactivar o corazón da vila”, afirmou Lombao.

Desde o BNG aseguran que seguirán defendendo iniciativas para recuperar a vida económica e social da vila. “Outeiro de Rei ten potencial, ten persoas con ganas de emprender e unha veciñanza que merece máis. O centro da vila non pode seguir apagándose mentres o goberno municipal mira para outro lado”, concluíu a concelleira nacionalista.

PROTECCIÓN ANIMAL

Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei denunciou a “falta de vontade política” do Partido Popular tras rexeitar no pleno ordinario a moción socialista destinada a reforzar a protección dos animais abandonados e a xestión das colonias felinas no municipio, unha iniciativa orientada a garantir o cumprimento da lexislación vixente e mellorar un servizo que é competencia municipal.

A proposta do PSdeG apostaba por abrir “unha etapa de mellora, diálogo e planificación” e incluía medidas concretas como a avaliación do funcionamento do convenio actual de recollida de animais, o incremento dos recursos económicos destinados a este ámbito, a creación dun protocolo municipal baseado no método CER, a habilitación dun rexistro de colonias felinas e persoas coidadoras, a posta en marcha de campañas de sensibilización e a garantía dunha atención veterinaria adecuada. Ademais, instaba a solicitar apoio á Deputación e á Xunta para o desenvolvemento destas medidas.

Segundo expuxo a voceira socialista, María del Carmen Acacio, “existen serios problemas no funcionamento do servizo e o Concello non está a asumir as súas responsabilidades nesta competencia”. “Temos constancia de que hai dificultades co convenio actual e de que non se están a destinar os recursos necesarios”, sinalou.

Dende o PSdeG advirten de que o investimento que se evite hoxe acabará xerando máis custos no futuro. “Hai que investir agora para solucionar o problema a medio e longo prazo. Non facelo só agravará a situación”, defenderon.

Acacio afirmou que “tiña a esperanza de que a proposta puidese aprobarse ou, cando menos, ser obxecto de emendas, pero unha vez máis quedou claro que non hai vontade de mellorar nin de asumir responsabilidades. Xa levamos este asunto en numerosas ocasións ao pleno, con rogos e preguntas, e seguimos sen respostas”, lamentou.

Segundo explican, o PP xustificou o seu voto en contra argumentando que non se poden detraer fondos doutros servizos como o SAF ou o programa Respiro Familiar para destinalos á protección animal. Con todo, as socialistas afirman que “esa non era en ningún caso a intención da moción”. “Non se trataba de quitar recursos dun servizo para poñelos noutro, senón de asumir unha competencia municipal e planificar con responsabilidade”, explicaron.

0.13165402412415