Desde a Deputación de Lugo solicitan á Xunta un plan urxente para as pallozas de Piornedo

Daniel García insta á Xunta a convocar unha xuntanza para definir un plan urxente para a reparación das pallozas de Piornedo, así como un marco de financiamento estable para a súa conservación e mantemento.
O deputado de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo enviou á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude un escrito no que solicita "un encontro con representantes das tres administracións e coa propiedade das pallozas para avanzar nunha solución tan imprescindible como urgente" para este conxunto patrimonial único en Europa, e ofrece a súa colaboración "para establecer pontes interadministrativas" que garanticen a viabilidade do BIC nos próximos anos.
Daniel García comentou que "é imprescindible concretar a vontade de colaboración que o conselleiro expresou no Parlamento en resposta a unha pregunta formulada polo BNG, para que este asunto non quede estancado nos despachos da Xunta de Galicia, como aconteceu noutras ocasións. Nós continuaremos, como fixemos ata agora, apoiando ano tras ano a conservación destes bens de interese cultural, pero non podemos ser a única administración que o faga".
O responsable provincial, que acompañou á veciñanza de Piornedo ata Compostela para seguir a sesión parlamentaria, lembrou que "a propiedade privada das pallozas non é un impedimento para que a administración poña en marcha axudas directas, como as que a propia Xunta de Galicia convocou ata o ano 2010, ou como as que reciben outros particulares e entidades privadas propietarias de bens patrimoniais, como a Igrexa".
O escrito, enviado este martes, expón as dificultades que enfrentan as persoas propietarias das pallozas para levar a cabo os traballos de conservación debido á falta de centeo, a escaseza de man de obra cualificada para as reformas e as características das infraestruturas nunha zona de alta montaña.
Ademais, destaca a colaboración que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantivo coa asociación “Teitos de Piornedo” nos últimos anos, a través de subvencións nominativas para financiar actividades de conservación e mantemento das pallozas, así como para facilitar o cultivo do centeo.