Desde a Federación Lucus Augusti denuncian a "grave discriminación" para o rural de Lugo
Desde a Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo denuncian a "grave discriminación" para o rural de Lugo despois de ver que a Xunta compromete unha inversión de 13 millóns de euros para sanear o rural de Ferrol e 5 millóns de euros para o saneamento de Ribadeo, pero "cero euros para sanear o rural lucense".
Por isto, pídenlle á Xunta de Galicia que "nos confirme os criterios polos que se beneficia a Ferrol e a Ribadeo e se castiga a Lugo". E inciden en que "algo terá que di Elena Candia, á que os lucenses elixiron para que defendera os nosos intereses, non para que acepte este sectarismo".
Así, din que levan moito tempo denunciando que, a través do chamado canon da auga, "os lucenses que vivimos no Concello de Lugo levamos aportado uns 14 millones de euros, dos cales neste mesmo período a Xunta retornou cero euros en saneamento ao Concello de Lugo".
Por iso, cren que a mensaxe que se está a enviar desde a Xunta e desde o PP é que "os lucenses nos equivocamos ao votar nas municipais a distintos partidos que non foran o PP, ou que ata que goberne o PP, non recibiremos ningunha aportación para o saneamento do noso rural. E insisten que "o recadado en concepto de canon da agua, se dedique no concello no que se recada".
Tamén piden que o Concello de Lugo se implique a través do seu presuposto en colaborar cos gastos do saneamento rural, xa que case o 75 % do rural do Concello de Lugo está sen sanear", conclúen.