Desde a Plataforma Ulloa Viva denuncian o trato da Xunta aos veciños e veciñas afectados por Altri
A Plataforma Ulloa Viva está a vivir “con disgusto e indignación unha nova afrenta da Xunta de Galicia aos veciños e veciñas das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa, que levan toda a semana a contagotas enterándose pola prensa do que os técnicos do goberno galego opinan sobre o proxecto de Altri”.
Ulloa Viva considera que este é “un exemplo máis do maltrato que a Xunta está a dar á veciñanza afectada polo proxecto da macrocelulosa. Dous anos relacionándose cos afectados e afectadas a través de titulares de prensa”.
Dende a Plataforma Ulloa Viva "temos denunciado publicamente o comportamento do goberno galego nestes meses cos veciños e veciñas, un comportamento que en nada se asemella ao trato que a Xunta lle está a dispensar a Altri neste tempo. E isto acontece así a pesares de termos presentado máis de 23.000 alegacións, de que o 26 de maio saímos á rúa en Palas ao berro de 'Altri Non' máis de 20.000 persoas e de que o 30 de xuño máis de 30.000 arrodeamos o edificio de San Caetano para pedirlle ao goberno do señor Rueda que paralice este proxecto que atenta contra o noso territorio, a nosa saúde, o noso modo de vida, a nosa economía e o noso futuro".
Así, lembran que o pasado 29 de xulio foi a primeira vez que membros da Plataforma Ulloa Viva foron recibidos na sede da Xunta. Zeltia Laya e Marcial Barral tiveron unha reunión co secretario xeral de Industria da Consellería de Economía. Nese encontro a Plataforma fixo fincapé en pedir ao alto cargo que está a tramitar o proxecto de Altri “que o goberno galego empece a mirar dunha vez por todas polo territorio e polas persoas que viven nel, que se preocupe porque os seus técnicos veñan á zona e falen coa xente”. Nesa reunión tamén se demandou información coma afectados do estado da tramitación das alegacións presentadas.
Porén, explican que uns días despois e logo de pedir dende a Plataforma acceso a todos os informes a respecto do proxecto, nos atopamos día sí e día tamén titulares en medios de comunicación sobre os resultados dos supostos informes técnicos que a Xunta ten encargado a distintos departamentos sobre os impactos do proxecto de Altri.
“Eses impactos van directamente sobre a nosa paisaxe, a nosa biodiversidade, a nosa economía e a nosa saúde, pero a Xunta de Galicia no canto de preocuparse polos afectados está mercadeando cos informes técnicos en distintos medios de comunicación”.
Dende a Plataforma Ulloa Viva pedimos por enésima vez á Xunta de Galicia “respecto” para a veciñanza, “que deixen de usar as institucións públicas en beneficio de intereses empresariais e que veñan ao territorio, que nos informen e nos expliquen da tramitación, que nos digan sobre o terreo “que a Lagoa de Quintas e a súa biodiversidade non se van a ver afectadas estando a 250 metros dunha macrocelulosa”.
Á Plataforma Ulloa Viva sorprendeulle ler na prensa que un destes informes técnicos, o do Instituto de Estudos do Territorio, recoñece o enorme impacto paisaxístico que a macrocelulosa de Altri tería na zona. Ao contrario do que Altri leva meses dicindo, os técnicos falan das 366 hectáreas de terreo, a cheminera de 75 metros e as outras catro edificacións de entre 50 a 60 metros de alto cada unha.
Ulloa Viva considera que recoñecendo esta realidade “é unha mágoa que o informe se limite a dar seis pautas de xardinería e pintura de camuflaxe” para solventar o que dí que é “un impacto paisaxístico considerable”.
A Plataforma advírtelle ao goberno galego que “persistir nesta actitude coa veciñanza aumenta o rexeitamento social ao proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e suporá que a Xunta vai seguir estando enfronte dos veciños e veciñas en vez de a carón de nós como debería facer un goberno responsable”.