Desde o Concello de Lugo din que investirán "en mellorar servizos municipais"

LugoXa
Fan este anuncio como contestación á petición do Partido Popular de que o Concello asuma a rehabilitación de vivenda, denunciando que a entidade local non pode apropiarse das competencias da Xunta
foto-pleno-lugo-2
11 Nov 2024

Con relación á petición do Partido Popular de que o Concello asuma a rehabilitación de vivenda, o Goberno local considera que a proposta do PP non é máis que "unha fuxida cara adiante, un lavado de imaxe co que se pretende branquear a ausencia de xestión e de investimento da Xunta en materia de vivenda en Lugo", denuncian desde o Goberno local.

Así, denuncian que Elena Candia "non exerza a súa función como vicepresidenta do Parlamento Galego para solicitar ou reivindicar máis fondos autonómicos para o municipio, senón que a súa función como portavoz da oposición céntrase en reclamar ao Concello que desvíe os fondos locais para asumir máis competencias impropias, con tal de alixeirar de obrigas á Xunta", destaca.

Desde o Concello de Lugo din que investirán o que se recade co incremento fiscal previsto para 2025 do IBI e as taxas de Auga e Sumidoiros "en mellorar servizos municipais. De feito ese é o obxectivo da revisión de Ordenanzas que se realizou este ano. Unha suba que o PP criticou e terxiversou, chegando a retorcer as porcentaxes de incremento para causar alarma entre a veciñanza, augurando un aumento desproporcionado dos tributos que non se corresponde coa realidade e contribuíndo á desinformación xeral con tal de obter réditos políticos", denuncian.

En canto á publicación dunha nova convocatoria para Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada, trátase dunha petición que a propia alcaldesa, Paula Alvarellos, fixo xa o pasado xullo de maneira directa ao presidente da Xunta pero que o Concello reclamou desde inicios de ano, sabendo cal era o horizonte temporal dos fondos e que a delimitación da Milagrosa e Barrio Feijoo estaría en condicións de concorrer ao proceso.

"En lugar de activar todos os mecanismos para habilitar o procedemento, os populares deixaron correr o tempo para que xa non houbese capacidade de actuación e, como sempre, tentar achacar ao Executivo central (que entrega os fondos) e ao local do que só dependía deles: canalizar ese diñeiro e poñelo ao dispor da cidadanía", conclúen.

0.20037293434143