Desenvolven un programa de integración social con menores na zona norte de Lugo
A concellería de Xuventude está a desenvolver un novidoso proxecto de integración social na zona norte do municipio. Esta iniciativa, dirixida a menores de entre 6 e 18 anos e ás súas familias, brinda a oportunidade de aprender contidos e desenvolver competencias a través do xogo. Así, os participantes, neste momento 30 menores e os seus proxenitores, teñen a posibilidade de asimilar coñecementos académicos, habilidades sociais, contidos cívicos, así como prever consumos e adiccións tecnolóxicas nun ambiente de traballo comunitario preto do seu lugar de residencia.
“Trátase de chegar a un colectivo que, ben por circunstancias económicas, idiomáticas, sociais ou culturais, teñen dificultades para facer un seguimento do progreso educativo dos seus fillos e fillas. A dinámica de traballo estanos a permitir avanzar na integración social das crianzas pero tamén das persoas adultas destas unidades familiares, o que repercute de forma moi positiva no benestar emocional destas familias”, explicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos.
“O noso obxectivo é dar un apoio integral nun momento crucial como é o inicio do curso académico. Deste xeito, se reforzan as súas necesidades educativas e psicosociais para previr o fracaso académico e os riscos de exclusión social, e se redunda na prevención de adiccións que no futuro poderían aparecer asociadas a esta situación de vulnerabilidade”, relatou o edil que anunciou que o Goberno local calibra agora o éxito desta iniciativa, que se está a desenvolver con residentes dos barrios do Castiñeiro e A Milagrosa, para poder expandila no futuro a outras zonas da cidade.
Este traballo en prol da integración veciñal levouse acabo dende o Servizo Municipal de Prevención de Drogas, ao amparo do programa +Xti. “A resposta que nos está a chegar por parte dos participantes é realmente positiva, tanto das crianzas como dos adultos. Desde o Goberno local imos darlle continuidade a este labor con apoio socioeducativo durante todo o curso a través dos distintos programas que desenvolven os Servizos Sociais. A loita por acadar a integración social, para mellorar a convivencia, previr as adiccións e garantir a igualdade de oportunidades de toda a veciñanza son unha prioridade transversal para o executivo de Lara Méndez”, concluíu Bustos.