Despois de Franco... Tierno, Berzosa e Chao

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
9 Mar 2023

Por Moncho Paz

A miña derradeira visita a Ramón Chao tivo lugar tres semanas antes do seu pasamento. Unha tarde chamoume dende Barcelona e de seguido percibín que o seu estado de ánimo ía cara a abaixo, polo que collín un avión e planteime de inmediato na capital catalá. Pasamos o día xuntos, e aos poucos na compañía de Felisa. Falamos moito. Unha longa conversa na que el lembraba distintas situacións da súa vida, deténdose en determinados episodios e rememorando a persoas que coñecera. O instinto díxome que aquel percorrido a través do tempo era unha necesidade vital nese momento, notei que iso reconfortábao. Uns meses atrás -o 2 de xaneiro de 2018- finara en París o seu amigo José María Berzosa, cineasta que fixera toda a súa carreira profesional en Francia. A súa morte afectáralle moito. Antifranquista visceral como Ramón, boa parte do seu traballo audiovisual era un conxunto de documentais ou filmes de ficción para a televisión, caracterizados por posuír -como denominador común- a tónica do humor de Luís Buñuel e o sentido da erudición de Jorge Luis Borges.

Chao contoume naquela charla a historia persoal de Berzosa. Natural de Albacete, onde nacera en 1928, José María cursara estudos de Dereito, exercendo brevemente como avogado na súa cidade natal; pero a súa auténtica paixón era o cinema, pois dedicábase a escribir críticas de películas; en 1956 decidiu marchar a París, onde coñeceu a Juan Antonio Bardem, quen lle presentou a Georges Sadoul. Por mediación deles entrou no Instituto de Altos Estudos Cinematográficos (IDHEC, actualmente Fémis), “sen saber unha verba de francés”. Alí compartiu espazos con xente como Roman Polanski, Bernard Gesbert, James Blue, Annie Tresgot ou Costa-Gavras. Máis tarde, pasou a traballar na Televisión Francesa e colaborou con Jean Renoir en ‘Le Testament du docteur Cordelier’.  Pouco despois chegarían as súas primeiras películas con Miguel Ángel Asturias, Borges, Bacon, Picasso...

Tras obter a titulación, traballou como asistente de dirección, entre outros, con Renoir e Buñuel, con quen trabou amizade e que lle encomendou un papel de actor en ‘A Voie Lactée’ en 1969. Foi nesa época cando coñeceu a Ramón Chao, quen daquela dirixía as emisións de Radio France para España e América Latina.

Preguntado por este sobre un posible regreso tras a morte de Franco, Berzosa recoñecía que “sería unha gran satisfacción poder traballar con Televisión Española, pero soamente podería aceptalo nas mesmas condicións de liberdade e independencia que me ofrecen na Televisión Francesa, que é case absoluta e só teño limitacións financeiras”. A realidade é que nunca quixo volver, pero mantivo a súa nacionalidade de orixe e non sentiu necesidade de facerse francés.

Rodou ‘Arriba España!’ en 1975, xunto a Enrique Tierno Galván, André Camp e Ramón Chao. Este foi o traballo máis destacado de Berzosa, polo que recibiu maior número de premios. En compañía deles faría máis adiante ‘Cincuenta anos da guerra civil’, ‘O diaño en Galicia’ (con Chao) e ‘Tres mitos españois’ (xunto a Camp). Coincidindo no tempo coa película de Berzosa, Ramón viña de publicar ‘Après Franco, L’Espagne’. Sacouno primeiro en Francia, coa editorial Stock (1975) e un ano despois en Madrid, con Edicións Felmar. En París saíu o día da morte do ditador, e tivo que agardar varios meses para que o aceptase a censura española, finalmente con varios cortes. “Foi un encargo que me fixo Enrique Tierno Galván. O profesor viñera a París a unha xuntanza con dirixentes do Partido Socialista francés, en calidade de secretario xeral do Partido Socialista Popular, que posteriormente se integraría no PSOE. En realidade o libro escribímolo entre os dous, pero el non podía asinalo pola súa militancia política. A verdade é que me axudou moito, cunha morea de indicacións e consellos. Cando xa o tiña terminado, en Madrid, pedinlle que polo menos me dese unha introdución. Sen pensalo máis, díxome que acendese o magnetófono e lanzouse a falar. Eran as cinco da tarde e ía unha calor asfixiante, así que adormecín. Ignoro canto tempo; espertei de súpeto cando me tocou o ombreiro, para avisarme de que xa rematara”.

A continuación, Ramón contoume outra anécdota relacionada co libro: “Paseille o borrador do texto á secretaria de ‘Triunfo’ para que o transcribise. Fíxoo sen corrixir nada e así saíu, que para iso o vello profesor era un pozo de sabedoría. Iamos presentalo no hotel Eurobuilding de Madrid, e eu enviei invitacións a todos os personaxes que aparecían no volume, entre eles o noso paisano Fraga Iribarne, naquel momento ministro do Interior. Estabamos na redacción de ‘Triunfo’, listos para saír, cando me chaman por teléfono. Era o editor, dicíndome que o ministerio cancelara o acto. Sen pensalo dúas veces, agarro o teléfono, chamo ao Ministerio e pregunto polo ministro, ao que mandara unha invitación:

- Don Manuel, chámoo para que non se moleste. Prohibiron a presentación.

- E quen a prohibiu?

- Pois se foi o ministerio, foi vostede.

- Non se preocupe, señor Chao, que isto arránxoo eu!!

Colgoume sen máis, e un anaco despois avisoume Cañadas, o editor. Xa estaba resolto o tema”.

Un exemplo máis do ‘universo Chao’, en estado puro. Ao caer o serán, Ramón e máis eu despedímonos cunha forte aperta, os dous sabiamos que era a derradeira.

colaboracion de moncho
0.16672897338867