Destacan a colaboración da Deputación co San Froilán fronte á “ínfima achega” da Xunta

LugoXa
Rubén Arroxo critica a falta de apoio do Goberno galego e valora os 410.000 euros achegados pola Deputación para as festas de 2025
reunion-BNG-Lugo-e-Deputacion
7 Aug 2025

O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e coa deputada de Cultura, Iria Castro, no que salientaron a implicación do organismo provincial coa organización das festas do San Froilán. Arroxo cualificou a Deputación como “o principal colaborador da gran festa do outono galego” e subliñou que “a súa achega é 16 veces superior á da Xunta de Galiza”.

O responsable municipal lembrou que o apoio económico da Xunta leva anos estancado nos 25.000 euros, mentres que a Vicepresidencia da Deputación achegará 410.000 euros para a edición de 2025. Segundo apuntou Arroxo, esta diferenza responde a “unha estratexia reiterada do Partido Popular: non presentan propostas, abandonan a comisión de festas, promoven unha campaña negativa contra o San Froilán e non brindan apoio desde a Xunta, amosando así o seu desprezo polas veciñas e veciños de Lugo”.

Arroxo tamén criticou que, mentres a Xunta destina máis de tres millóns de euros a unha empresa privada para organizar un festival, “relega a festa con máis historia da cidade a unha achega simbólica”. Considera que esta actitude contrasta co compromiso da área de Cultura do Concello, que prepara un programa “diverso e accesible para toda a cidadanía”.

O tenente alcalde puxo en valor o labor realizado polo equipo municipal e a implicación tanto da Deputación como de múltiples empresas privadas, que, segundo indicou, contribúen decisivamente a consolidar o San Froilán como unha das festas máis representativas do outono en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.34731411933899