Destacan a innovación pedagóxica e a atención á diversidade no CPI de Castroverde

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, puxo en valor o traballo educativo que se desenvolve no Colexio Público Integrado de Castroverde, un centro que sobresaie pola súa aposta continuada pola innovación pedagóxica e pola atención á diversidade sustentada na implicación de toda a comunidade educativa.
O titular de Educación salientou a traxectoria dun proxecto que leva máis dunha década asentado nun modelo baseado no diálogo, na participación activa das familias e do contorno e na promoción da igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
Ao longo do percorrido polo centro, o conselleiro coñeceu de primeira man distintas iniciativas educativas que se están a levar a cabo, entre as que figuran as tertulias na etapa da ESO, os grupos interactivos en Educación Primaria coa colaboración do profesorado e de persoas voluntarias, así como os programas de apadriñamento lector e científico.
Román Rodríguez destacou que proxectos coma estes exemplifican “o gran ensino no rural galego” e incidiu en que Galicia é na actualidade a comunidade autónoma cun sistema educativo máis próximo á cidadanía, ao contar cun centro de Infantil e Primaria en máis do 90 % dos concellos, fronte ao 55 % da media estatal.
No ámbito da atención á diversidade, o responsable autonómico puxo o acento na aposta do CPI de Castroverde pola docencia compartida, cunha presenza constante de profesorado de apoio dentro das aulas, unha liña de traballo que encaixa co compromiso da Xunta de Galicia por reforzar unha educación inclusiva e de calidade.