Destacan o labor de reinserción nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso

LugoXa | TerraChaXa
Olimpia López presidiu os actos do Día da Merced, patroa das Institucións Penitenciarias, nos que se entregaron condecoracións ao mérito
institucions-penitenciarias-Dia-da-Merced
25 Sep 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu os actos celebrados con motivo da festividade da Virxe da Merced, patroa das Institucións Penitenciarias, nunha xornada que serviu para recoñecer o labor que desenvolven máis de 470 profesionais nos centros de Bonxe e Monterroso.

Foi a súa primeira intervención oficial ao fronte da Subdelegación e nela agradeceu a dedicación do persoal penitenciario, subliñando que “as prisións non son só espazos de custodia, senón tamén lugares nos que se ofrecen oportunidades de futuro” a través de programas educativos, laborais, culturais e sociais.

López puxo en valor iniciativas singulares de Bonxe, como os diálogos restaurativos, a atención especializada a persoas con doenzas mentais ou a terapia asistida con animais, e salientou en Monterroso as actividades culturais e deportivas, así como o novo proxecto de aprendizaxe e servizo solidario que conectará o centro coa sociedade. Ademais, lembrou o compromiso do Goberno de España coa mellora das instalacións, cun plan de actuacións en marcha e reformas integrais previstas de cara a 2026.

O acto institucional, que tivo lugar no Auditorio Fuxan Os Ventos, contou coa presenza do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, o deputado provincial Pablo Rivera, os alcaldes de Monterroso e Outeiro de Rei, así como autoridades da Garda Civil, Policía Nacional e Fiscalía Provincial, xunto cos directores dos centros penitenciarios.

Durante a celebración entregáronse varias condecoracións ao mérito penitenciario e social concedidas pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Entre elas, Olimpia López fixo entrega da Medalla de Bronce ao Mérito Penitenciario a Elías González Romero, mestre de taller do Centro de Bonxe.

Actualmente, Bonxe acolle 296 internos e conta con 231 traballadores, destacando programas de reinserción como cursos para agresores sexuais ou de violencia de xénero. En Monterroso, con 296 internos e 240 empregados, ao longo de 2025 desenvolvéronse actividades culturais e deportivas como concertos, teatro ou a Semana do Cine de Lugo, ao tempo que se avanza na mellora de infraestruturas como o sistema eléctrico, a videovixilancia e a rehabilitación de cubertas.

⚙ Configurar cookies
0.094029903411865