Destacan o valor dos polos de emprendemento como os de Friol
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, salientou o valor dos Polos de emprendemento como o de Friol para impulsar proxectos innovadores e colaboracións a prol do desenvolvemento socioeconómico do rural. Así o sinalou durante o evento Potenciando o sector agroalimentario, organizado por este polo en colaboración co GDR-4 Comarca de Lugo e Traloagro e onde tamén destacou que o Polo de Friol leva atendidos 150 proxectos e realizou máis de 400 titorías e arredor de 35 actividades.
Ademais, Marta Mariño, fixo fincapé na importancia de establecer colaboracións entre os distintos axentes do territorio para impulsar accións que aporten valor engadido ao rural e que favorezan a súa sustentabilidade e progreso. Nesta liña, sinalou que a maioría dos proxectos do Polo de Friol son de actividades profesionais científicas e técnicas (21%) seguido da hostalaría (14%) e a agricultura, gandería, silvicultura e pesca (9%).
Neste sentido, sinalou que actividades coma a que acolle o Polo de Friol son de gran valor para promover esas sinerxías entre distintas iniciativas e axentes do territorio. De feito, a actividade de hoxe será totalmente participativa, constará de dúas partes e incidirase nas vantaxes da cooperación. O obxectivo é intercambiar experiencias e facer networking para detectar necesidades e oportunidades e impulsar posibles colaboracións entre os participantes coas que potenciar o territorio.
Con ese fin, na primeira parte as empresas referentes convidadas compartirán a súa historia facendo referencia aos beneficios das sinerxías con outros produtores ou axentes do territorio. Unha delas é Traloagro, que é unha iniciativa de gandaría ecolóxica certificada de bovino, porcino e avícola e nesta actividade está representada por Isabel Gómez, a creadora e xerente.
Outro proxecto é Cosmética Muuhlloa, froito da unión da cooperativa Milhulloa e de Granxa Maruxa, ambas na comarca da Ulloa, para dar un novo valor á súa produción ecolóxica (prantas medicinais e leite) coa fabricación de produtos cosméticos. As cinco mulleres que forman parte dela estarán representadas nesta actividade por María Álvarez. A terceira empresa referente que participa nesta parte do evento é Atelier Bisqato, unha queixería artesanal a partir de leite ecolóxico de proximidade e que será explicada hoxe polos seus propietarios María Veiga e Miguel Garea.
Na segunda parte da actividade presentaranse o resto de participantes pertencentes a outros proxectos, compartindo o que fan ou desexan facer, os seus obxectivos ou os seus retos.
Ademais do Polo de Friol, a provincia de Lugo conta cos Polos da Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria. No conxunto destes polos da provincia atendéronse preto de 480 proxectos, a maioría relacionados coa hostalaría (23%) seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca (12%) e do comercio (11%). Nel lévanse realizado un total de 1.300 titorías e máis de 180 actividades entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da Rede.