Destinado un millón de euros á estratexia de reconstrución económica dos barrios de Lugo
O Concello de Lugo vén de adxudicar, en Xunta de Goberno, á UTE Lucal a contratación do servizo de organización, programación, desenvolvemento, execución, divulgación e difusión de actividades nos barrios, dentro da Estratexia Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía Local.
Esta unión temporal de empresas foi a única oferta que se presentou ao procedemento deseñado pola rexedora para modernizar o comercio e a hostalaría local en cinco zonas da cidade e levar a cabo tamén un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial.
Estes dous plans artellaranse en torno a 13 liñas de actuación.
Plan de dinamización de barrios, do pequeno comercio e da hostalería (644.869 euros)
A súa finalidade é a de dinamizar o conxunto da cidade para atraer a potenciais consumidores e público en xeral, combinando a oferta de lecer e entretemento coa formación e o asesoramento, dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten mais atractivos. Contempla as seguintes actuacións:
- Creación de marca de barrio e fomento da identidade dos barrios
Comprende a elaboración dun mapa comercial dos barrios, creando a marca de cada un deles cunha proposta relevante sobre os produtos e servizos que os comerciantes e hostaleiros ofrecen, xerando unha vantaxe competitiva. Terase en conta por tanto a idiosincrasia, así como a historia e as tradicións propias de cada barrio. Para levar a cabo esta programación establécense cinco agrupacións de barrios (zonas de actuación). Por un lado, a zona 1 que é o centro histórico e A Tinería; a zona 2 composta pola Milagrosa, barrio Feijoo e avenida da Coruña; a zona 3, na que se atopa A Residencia, Piringalla, Casás, O Castiñeiro, Garabolos, Albeiros, Castelo e A Chanca; a zona 4 onde está Fingoi, Acea de Olga, Augas Férreas, Recatelo, Ramón Ferreiro, San Roque, Paxariños, Montirón e San Fiz e, finalmente, a zona 5 que é Fontiñas, A Estación, A Cheda, Ángel Carro, A Ponte, A Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos.
- Campañas de apoio á hostalería e ao comercio da zona
Coa finalidade de encher de vida estas zonas, realizaranse programas de lecer de forma periódica como os tardeos e noiteos, que tanto éxito obtiveron o pasado ano, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento.
Os tardeos e noiteos terán carácter mensual. Para o caso dos tardeos nun horario entre as cinco e as oito da tarde, con actuacións de animación para nenos, pasarrúas, actividades recreativas e xogos infantís, talleres para nenos, decoración dos barrios e actuacións musicais con DJ´S. Os noiteos realizaranse entre as dez e as doce da noite, comprendendo cada un dos mesmos un espectáculo ou actuación/concerto musical.
- Potenciarase a plataforma de comercio electrónico
Potenciarase a plataforma de comercio en liña e porase en marcha un proceso de formación e dixitalización do pequeno comercio e da hostalería, con asesoramento e acompañamento nas redes sociais, fomentando a imaxe de marca, o comercio electrónico, o uso de plataformas electrónicas e repartidores locais. A formación irá dirixida a todos os comerciantes e hostaleiros da cidade que queiran participar.
- Campañas estacionais e en datas sinaladas: Samaín (Halloween), San Valentín, Nadal, rebaixas de inverno e de verán.
As campañas consistirán na realización de actuacións de promoción, divulgación e sensibilización, para fomentar o consumo na hostalería e as vendas nos comercios, para que os cidadáns acudan aos seus locais de negocio, consuman e compren. As campañas deberán ser personalizadas e adaptadas, e recollendo a idiosincrasia de cada unha das zonas de actuación.
- Formación e asesoramento “in situ” sobre escaparatismo-iluminación e packaging
Prestarase dita formación/asesoramento a un mínimo de 100 establecementos comerciais/ hostaleiros interesados por zona de actuación.
- Organización de mercadiños nas rúas fomentando a dinamización dos barrios
Estes mercadiños, como o San Pedrín ou a Milagrosiña, desenvolveranse con carácter trimestral en cada zona de actuación, sendo catro os mercadiños para realizar por cada zona. Para amenizar a celebración dos mesmos, promoveranse durante os días da súa celebración a organización de concursos, con premios, así como diferentes actividades infantís: obradoiros, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas.
Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial (322.525 euros)
Co obxectivo de revitalizar o tecido empresarial e apoiar aos emprendedores, desenvolverase un plan de acción, cuxos eixos principais serán os viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería. Trátase de que os viveiros municipais se convertan en centro de desenvolvemento de negocios, fomentándose os encontros co tecido empresarial xa consolidado, así como canalizando sinerxías, de interese para todos os emprendedores e empresarios. Este plan inclúe:
- Actividades de formación para a difusión da cultura emprendedora e a consolidación empresarial.
Realización de charlas de alto impacto, así como formación sobre contidos relacionados coa xestión empresarial, especialmente coas vendas, comunicación, marca, márketing dixital, comercio electrónico, etc. Realizaranse 12 charlas de alto impacto de 5 horas de duración cada unha, así como 60 pílulas formativas de 10 horas de duración cada unha.
- Accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería
Actuacións musicais con grupos locais para fomentar a cultura local; eventos gastronómicos con concursos de tapas e de pratos orixinais, que combinen innovación con tradición, nos diferentes establecementos de restauración do barrio; recreacións históricas, non só romanas senón tamén medievais, de tal forma que participen os establecementos de artesanía (coiro, vestiarios), salóns de peiteado, etc e actividades infantís, con concursos para crianzas, talleres, teatro, xogos infantís.
- Estudo-Campañas de márketing e venda cruzada para fomentar o incremento de vendas nos viveiros municipais do Cei Nodus e A Tinería
Elaboración dun estudo individualizado e pormenorizado de, polo menos, 50 empresas, instaladas nos viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería, así como das participantes no Coworking do Concello, co fin de axudarlles a impulsar a súa capacidade de venda a través de campañas de márketing e fomentar a venda cruzada ou cros-selling,
- Mercadiños nos viveiros de empresa municipais: Cei- Nodus e A Tinería
Desenvolveranse co fin de que os emprendedores instalados nos viveiros de empresas municipais, poidan mostrar os seus propios produtos, dunha maneira tanto presencial como virtual. Para iso realizaranse 4 mercadiños en cada un dos viveiros de empresa municipais, un en cada estación do ano. Para amenizar a celebración dos devanditos mercadiños, promoveranse a organización de concursos, así como diferentes actividades infantís: talleres, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas, así como actuacións musicais para todos os públicos. Tamén se ofrecerá transporte gratuíto.
- Elaboración dun estudo específico sobre a zona rural do municipio
Realizarase o primeiro estudo específico sobre a zona rural do municipio de Lugo, facendo especial fincapé no desenvolvemento de actividades emprendedoras e empresariais no medio rural, en consonancia coas liñas estratéxicas do Goberno de Lara Méndez en relación á economía verde, economía circular, a sustentabilidade, enerxías alternativas, a optimización de recursos, o cooperativismo e a xeración de emprego.
Este estudo relativo ás parroquias de Lugo analizará nos devanditos territorios, cando menos: a comercialización de produtos, a formación, as TICs, networking e negocios, marca e imaxe corporativa, comunicación e redes sociais e actividades ou eventos a realizar.
- Congreso sectorial para posicionar a Lugo como un referente internacional
Como colofón destas actuacións, organizarase un congreso internacional na cidade de Lugo relacionado co emprendemento, buscando que sexa un referente no que expor novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais e aos que poden chegar a ser, para que aproveiten as oportunidades da contorna local a través dun emprendemento sostible.