Destinados máis de 52.000 euros na mellora de camiños municipais de Monterroso
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co tenente de alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, para abordar diferentes asuntos relacionados coa mellora das infraestruturas rurais deste municipio lucense.
Así, neste encontro avaliaron cuestións relativas ao plan de mellora de camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas, a través do cal Monterroso ten aprobadas axudas para o acceso a varias parcelas agrícolas e explotacións gandeiras nos lugares do Marco, Ligonde, de Ligonde a Salgueiros e O Bispo. A estas actuacións destinarase un importe de 52.175 euros.
Nesta xuntanza tamén se analizou a solicitude de fondos, por parte do Concello, para o arranxo de varias vías municipais, así como para o asfaltado dos accesos a varios núcleos de poboación. O conselleiro comprometeuse a estudar as demandas do municipio, coa vista posta na mellora da calidade de vida dos seus veciños.