Destináronse 289.000 euros en melloras e mantemento das instalacións deportivas de Lugo

O Concello de Lugo presume de destinar durante o primeiro semestre de 2025 case 289.000 euros ao acondicionamento e posta a punto das súas instalacións deportivas, dentro do Plan Dinámico de Intervención.
O orzamento repártese en actuacións de mantemento, que suman 105.298,47 euros, adquisición de material deportivo, con 59.632,19 euros, e investimentos en obras de mellora, que ascenden a 124.032,74 euros.
Segundo explicou o edil de Deportes, Jorge Bustos, trátase dun modelo de xestión planificada que mantén un diálogo constante cos clubs e entidades usuarias para priorizar as súas necesidades e garantir espazos deportivos “á altura da nosa cidade”.
O concelleiro salientou tamén que esta estratexia busca recoñecer o papel do tecido asociativo, non só como motor deportivo, senón tamén como axente social, promotor de hábitos saudables e formador en valores para a mocidade.
Entre as intervencións máis recentes destacan a instalación dunha cuberta metálica no campo número 2 das Gándaras, a renovación do pavimento dunha pista de tenis no Polideportivo do Palomar, a mellora do peche e do solo da pista polideportiva da Praza Viana do Castelo, así como a colocación de recubrimentos de protección nos elementos de salto das pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera.
En canto a material deportivo, adquiriuse novo equipamento para o Pavillón Municipal, o Estadio Gregorio Pérez Rivera, a Praza Viana do Castelo e a pista polideportiva das Termas, ademais de porterías de fútbol para o campo da Cheda e dunha máquina fabricadora de xeo para o Pavillón Municipal.
No ámbito do mantemento, realizáronse reparacións no sistema de calefacción do Pavillón Municipal, reposición de compoñentes e arranxos urxentes en distintos recintos, co obxectivo de manter as dotacións en condicións óptimas.
Bustos concluíu destacando que o deporte é “unha das mellores ferramentas para reforzar a cohesión social” e que a prioridade do goberno local é garantir que todas as instalacións municipais cedidas gratuitamente a clubs e entidades “conten sempre co mantemento e melloras necesarias para un uso seguro e cómodo”.