Destrozan unha estrada provincial en Portomarín
A Deputación de Lugo presentou este mércores unha denuncia ante a Comandancia da Garda Civil na capital lucense polo destrozo dunha estrada provincial ao seu paso polo concello de Portomarín que persoas descoñecidas fixeron esta madrugada. Trátase da LU-P-4902, de Alto do Valiño por Vilaxuste a Valdeporrás, que enlaza coa N-540 cara Ourense.
Técnicos da institución provincial desprazáronse a primeira hora desta mañá ao lugar para avaliar os graves danos, valorados nuns 90.000 euros. A estrada apareceu arada nun tramo aproximado de 110 metros de lonxitude, á altura do quilómetro 2,5, tendo que utilizarse para elo unha máquina grande, que ben puido ser un tractor ou unha paleadora con subsolador. Habilitouse un paso para garantir a circulación en tanto non se repare o firme.
A Deputación de Lugo condena este ataque a un ben público, que é de todos os veciños e veciñas, cunha actuación irresponsable que, xunto ao custe económico, puxo en grave perigo ás persoas, podendo ter provocado danos irreparables para os usuarios desta estrada, tendo en conta ademais que se produciu de madrugada.
Dadas as características e ante a gravidade dos feitos denunciados e as posibles consecuencias sobre as persoas que puideron ocasionar, poden ser considerados como delito. A Deputación agardará á instrución do atestado e o traslado ó xulgado correspondente por parte da Garda Civil para persoarse nas actuacións xudiciais e esixir a responsabilidades penais e civís correspondentes.