Desvío na estrada de acceso a Muxa a causa das obras nas Gándaras
Dende hoxe faise un desvío do tráfico da estrada de acceso a Santa María de Muxa, no concello de Lugo, para avanzar na execución das obras de ampliación do polígono das Gándaras.
Así pois, establécese un acceso alternativo cara a zona de Piñeiro polas rúas María Barbeito e Leopoldo Hernández Robledo -rúas A e H do polígono, respectivamente-.
A medida está incluída no proxecto e no plan de tráfico das obras de ampliación desta área industrial e colocáronse os correspondentes indicadores na zona. En concreto, na rúa Leopoldo Hernández Robledo instálase sinalización vertical adaptada ao límite de velocidade de 30 quilómetros/hora en zona urbana para vías dun só carril por sentido de circulación; así como un paso peonil sobreelevado para minorar a velocidade no desvío antes de incorporarse ao tráfico do polígono.
Está previsto que este desvío teña carácter definitivo e unha vez finalizadas as obras colocaranse novos carteis en substitución dos actuais indicadores provisionais de cor amarela.
Así mesmo, están en marcha actualmente as obras de ampliación da segunda fase do polígono das Gándaras, que supoñen urbanizar case 90.000 metros cadrados de chan industrial. Deron comezo a principios de ano e contan cun prazo de execución de 10 meses. Ademais, trabállase para licitar unha terceira fase de ampliación que incrementará a superficie do parque en máis de 67.000 metros cadrados.