Detectan deficiencias no aparcadoiro da Avenida Breogán executado pola Xunta

O Concello de Lugo vén de detectar novas deficiencias na obra do aparcadoiro da Avenida Breogán, realizada pola Xunta de Galicia, que impiden que a instalación poida ser asumida e posta a disposición da veciñanza. Os problemas identificados afectan principalmente ao sistema de recollida e evacuación de augas, tanto pluviais como fecais, evidenciando graves carencias na execución do proxecto.
Durante as obras, substituíuse un colector municipal de DN1200mm por dous de DN800mm. No informe de inspección con videocámara remitido coa documentación final de obra obsérvase estancamento de auga e residuos en ambos os tramos de colector, o que imposibilitou completar a inspección. O Concello esixe que se resolva esta acumulación de residuos para garantir o correcto funcionamento da rede municipal.
Ademais, no vial construído na zona norte do aparcadoiro, os sumidoiros de augas pluviais instalados non teñen conexión á rede nin un sistema de filtración alternativo, provocando vertidos directos en fincas próximas con hortas en uso, xerando un impacto ambiental.
Estas incidencias súmanse ás xa notificadas anteriormente, como a deficiente execución da zona verde, que carece de rego e dificulta o seu mantemento, así como a ausencia de videovixilancia e cargadores de vehículos eléctricos contemplados no proxecto.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, instou á Xunta a corrixir de inmediato estas deficiencias para que o Concello poida recibir a instalación e poñela en funcionamento canto antes. Lamentou a falta de rigor na execución e advertiu que non se debe tentar transformar un problema técnico nun conflito político para encubrir a mala xestión. “O Concello de Lugo sempre actuará con seriedade e con informes técnicos enriba da mesa. Non imos permitir que se intente enredar cunha guerra política cando o que hai é unha obra mal executada e sen garantías mínimas para ser posta en servizo”, subliñou.
RESPOSTA DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lamentou que o Concello de Lugo "siga buscando a confrontación constante en lugar de asumir a súa responsabilidade de recepcionar o aparcadoiro da Avenida de Breogán, executado e rematado pola Xunta de Galicia hai máis dun ano".
O delegado territorial lembrou que houbo que facer varias actuacións que deberan ser realizadas polo Goberno local, incluídas as melloras de drenaxe, a retirada de pedras, a instalación de topes e o acondicionamento das zonas verdes, que foron rematadas entre a primavera e o outono deste ano. Ademais, con motivo da demora en recibir o párking, recentemente houbo que realizar novos traballos de desbroce, mellora do céspede e a plantación de novos exemplares arbóreos.
O aparcadoiro, no que a Xunta investiu preto de 1,2 millóns de euros, ofrecerá 148 prazas, 14 delas para persoas con mobilidade reducida, e forma parte da aposta do Goberno galego por unha mobilidade sostible ao servizo da cidadanía, creando zonas de aparcamento disuasorio en todas as cidades galegas, e "choca que outras urbes da mesma cor política que Lugo teñan recepcionado proxectos de idénticas características, e sexamos a única que pon paus nas rodas a este importante investimento que suporán unha importante mellora aos veciños do barrio de A Residencia e O Castiñeiro", concluíu.