Diego Giráldez presenta en Lugo 'As obras póstumas', Premio Blanco Amor de Novela

A libraría Trama de Lugo será este xoves, ás 19:45 horas, o escenario da primeira presentación na cidade de As obras póstumas, a nova novela de Diego Giráldez publicada por Editorial Xerais e recoñecida co XLIII Premio Blanco Amor de novela.
O autor estará acompañado pola escritora lucense Antía Yáñez, coa que manterá unha conversa arredor do proceso creativo e das claves literarias dunha obra que xa foi cualificada pola crítica e o público como “un dos libros do ano en Galicia”.
Durante o encontro, o público poderá coñecer de primeira man o proceso de escrita da novela, as súas intencións narrativas e os temas que aborda, nun diálogo que servirá tamén para afondar na traxectoria de Giráldez, consolidada como unha das voces máis singulares e recoñecibles da narrativa galega contemporánea.
As obras póstumas preséntase como unha novela fondamente humana e literaria na que Diego Giráldez dá vida a Pilar Fonte, unha escritora consagrada que, tras recibir o diagnóstico de demencia, decide enfrontarse á súa última creación desde a memoria, o humor e a lucidez que aínda lle permanecen. A historia articúlase en capítulos que se sosteñen por si mesmos, combinando beleza, tenrura e unha ironía tan aguda como emotiva.