Director da EASD Ramón Falcón: “Cada vez nos solicitan máis os perfís profesionais dos nosos estudantes”

Para que non o coñezan, que é a Escola de Arte e Superior de Deseño?
A EASD Ramón Falcón é un centro que, en realidade, son dous, unha Escola de Arte e unha Escola Superior de Deseño. Conviven ensinanzas artísticas de nivel académico MECES 1 con ciclos formativos de FP e tamén de nivel MECES 2, coma o graos impartidos en calquera universidade. Esta convivencia de profesorado e alumnado do mesmo eido das artes e o deseño, pero de diferente nivel académico, resulta nun modelo académico e creativo moi rico e motivante. Con este modelo, esta escola ten superado os cincuenta anos de actividade docente e artística e conta cunha matrícula duns 250 alumnos e un claustro de profesorado de 35 docentes.
Que se pode estudar na Escola?
Ofértanse 25 prazas para cada especialidade das Ensinanzas Superiores de Deseño. As dúas especialidades impartidas son as de Deseño Gráfico e Deseño De Interiores. Tamén se ofertan Ensinanzas Artísticas Profesionais en tres especialidades: Gravado e Estampación, Fotografía e Cerámica Artística. A oferta inclúe tamén a especialidade de Serigrafía Artística, de nivel académico de ciclo formativo de grao medio. As prazas ofertadas son de 15 por especialidade.
Como se accede a estes estudos?
Para acceder ás Ensinanzas Superiores é necesario ter o título de Bacharelato ou a titulación/proba de acceso á universidade, ademais de superar unha proba específica, da que están exentos os que teñan o título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño. A inscrición remata o 6 de xuño. Para os Ciclos de Grao Superior tamén se require o Bacharelato e superar unha proba específica. No caso dos Ciclos de Grao Medio, é necesario ter a ESO ou equivalente e pasar unha proba, da que se pode quedar exento acreditando un ano de experiencia laboral relacionada; neste caso, a inscrición remata o 13 de xuño. Existen probas substitutivas para persoas sen a titulación esixida: para os ciclos superiores, hai que ter 19 anos ou 18 se se posúe título de Técnico relacionado; para os ciclos medios, hai que ter 17 anos. A data límite de inscrición para estas probas é o 26 de xuño.
Que vantaxes ofrece este centro?
A EASD Ramón Falcón participa no programa Erasmus dende o curso 2012-13 e colaboramos co programa Erasmus+ na quenda 2021-2027, desenvolvendo proxectos de mobilidade para estudos e formación do alumnado e profesorado. O centro ten convenios con centros onde se imparten estudos de Deseño Gráfico e de Interiores ou de Artes vinculadas coa Cerámica, a Fotografía ou o Gravado en Chipre, Romanía, Grecia ou Macedonia. Ademais, desenvolve programas de linguas estranxeiras en ensinanzas profesionais de Serigrafía ou Fotografía, contando con docentes nativos que actúan coma auxiliares de conversa. Tamén leva a cabo actividades relacionadas coas tecnoloxías dixitais asociadas ao desenvolvemento de proxectos de innovación, contando cunha aula dotada con maquinaria de mecanizado automatizado; así como se levan a cabo actividades complementarias á formación, como visitas a eventos creativos ou a celebración de charlas no centro. Tamén facemos exposicións de traballos do alumnado a través de canles dixitais ou espazos físicos, coma é a nosa sala de exposicións ou o espazo permanente no segundo andar do edificio do Vello Cárcere. Así, cada vez é máis frecuente que as empresas e institucións soliciten o perfil profesional dos nosos titulados, para o que temos organizado un procedemento de achegamento destas solicitudes e ofertas ao alumnado xa titulado, xerando oportunidades de acceso ao eido profesional.