Distinguen a 20 estudantes da ESO cos premios extraordinarios


A Xunta de Galicia vén de distinguir a 20 estudantes cos Premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2024/25. Trátase dun recoñecemento especial a unha serie de alumnos cunha forte capacidade de superación fronte a dificultades tanto de carácter persoal como educativo ou do seu contorno.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resolve esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia para premiar unha vintena de traxectorias exemplares ao longo desta etapa formativa a prol da igualdade de oportunidades.
Os premios recaeron en localidades das catro provincias galegas segundo a listaxe adxunta.
Estes recoñecementos teñen como finalidade salientar publicamente o compromiso, a dedicación e o aproveitamento académico do alumnado, ao tempo que contribúen a reforzar un sistema educativo baseado na excelencia, a equidade e o desenvolvemento persoal. As candidaturas foron propostas polos docentes dos centros atendendo ao esforzo continuado e á capacidade de superación demostrada ao longo da ESO.
O Goberno galego dota cada un destes premios cunha contía de 1.000 euros. Ademais destas bolsas, as persoas distinguidas recibirán un diploma acreditativo e a concesión quedará reflectida no seu expediente académico. Estes galardóns son compatibles con outras axudas ou premios outorgados por administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, tanto de ámbito nacional como internacional.