Distintas asociacións participarán nos actos promovidos polo Concello de Lugo para conmemorar o 25N
O Goberno local de Lugo colaborou con distintas asociacións, entidades e centros educativos no desenvolvemento de diferentes actividades e actos reivindicativos cos que conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Un dos principais será a lectura do manifesto, un acto para o que tanto a alcaldesa como a edil de Muller, Igualdade e Inclusión, convocan á cidadanía ante a casa consistorial, a partir das 19.00 horas do mesmo día 25.
Xunto a Paula Alvarellos e a edil Ángeles Novo, estará a profesora de ensino secundario do IES Ánxel Fole, Felisa Redondo Valín, quen será a encargada de facer a lectura do manifesto. Tamén participarán no acto as Cantareiras da Asociación Cultural Cántigas e Frores, cuxa actuación musical pechará a concentración fronte ao Concello.
Co respecto ás outras convocatorias nas que colabora o Concello de Lugo, Ángeles Novo lembrou “a celebración de varias campañas de sensibilización en colaboración con diversas asociacións”, entre as que figura a iniciativa denominada Arrow-Par, da Asociación de Mulleres Empresarias, para contribuír á visibilización desta lacra, cubrindo cun chal violeta as estatuas de mulleres da cidade, como a Polbeira na Praza da Mosqueira; a enfermeira na Praza do Ferrol; Rosalía de Castro, no Parque de Rosalía e a de Concepción Arenal, nos xardíns da Praza da Constitución.
Co obxectivo de afondar na sensibilización da sociedade e en especial da xente máis nova, o Concello tamén colaborará con ADC Lucus na concentración deportiva de 3x3 contra a violencia de xénero, nas pistas anexas ao Pazo dos Deportes, coa colaboración de varios centros educativos da cidade.
Tamén, préstase apoio á Asociación Aliad Ultreia, para a proxección dunha curta documental relacionada coa explotación sexual, dirixida ao alumnado dos institutos de educación secundaria que se proxectará no Museo Interactivo da Historia de Lugo o propio día 25 en horario de mañá, unha xornada na que tamén se presentará o mural do artista plástico Diego As, na casa das asociacións María Mariño.
Ademais, a concellería de Muller, Igualdade e Inclusión colaborará coa Asociación Corazóns Artesáns, colectivo que o día 28 celebrará no salón de actos da Deputación, a partir das 20.00 horas, a actividade 'A arte. Testemuña intemporal do maltrato', cunha conferencia de Marcos Calles, que pechará coa actuación de Branca Villares Naveira co seu traballo 'O pouso da violencia nas cantigas populares'.