Diversiarte regresa este mércores á Horta do Seminario
O Concello revalida un ano máis o seu apoio ao tecido asociativo social da cidade colaborando coa organización da Feira Solidaria Diversiarte que neste 2023 celebra a súa XVII edición, do 13 ao 15 de decembro na Horta do Seminario.
Con esta feira, que ten por obxectivo recadar fondos para as entidades, se quere facer máis visible o traballo que realizan os colectivos. A veciñanza poderá aproveitar para adquirir os seus agasallos de Nadal sendo solidarios cos colectivos. "Todos os produtos son orixinais e moitos deles feitos a man polos usuarios e usuarias das diferentes asociacións que estiveron traballando durante todo o ano", explicou a responsable da área de Cohesión Social, Ana Abelleira, quen animou a cidadanía e achegarse ata Diversiarte.
“Trátase dunha mostra máis do compromiso que temos coas asociacións e na loita continuada por unha inclusión real e efectiva”, lembrou a edil, “ademais dunha magnífica oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area”, subliñou.
O mercado solidario, que estará composto por 15 stands, conta coa colaboración do Concello de Lugo, e a participación dos seguintes colectivos: Adace, Aecc, Afalu, Alcer, Alucem, Alufi, Alume, Alusor, Aspalu, Asfega, Aspace, Aspnais, Auxilia, Bonhomía, Cogami, Down Lugo, Fademga, Feafes, Once, Raiolas, San Vicente de Paúl, Asociación Española do Síndrome de Wolv-Hirschhorn (Aeswh), Lupus, Pinchacarneiros.
Programación de actividades organizadas polas asociacións
Paralelamente á celebración do mercado, as asociacións participantes organizarán obradoiros e espectáculos de animación, coa seguinte programación:
- Mércores 13 ás 18.00 horas: Obradoiro de Elaboración de xoguetes para os animais sen fogar de Lugo. Organiza Down Lugo.
- Xoves 14 ás 19.00 horas: Representación da escena da obra O achado do castro pola compañía de teatro Pinchacarneiro.
- Venres 15 ás 18.45 horas: Panxoliñas interpretadas polo Orfeón Xoán Montes. Actividade organizada por Parkinson Lugo.