DivúlgaT 2023 bota o pano cunha nova quenda de petiscos científicos no Vello Cárcere
O evento de divulgación científica DivúlgaT bota o pano este xoves 30 de novembro, a partir das 19.30 horas, cunha nova quenda de petiscos científicos nas dependencias do Vello Cárcere, o escenario no que docentes e investigadores da sede universitaria luguesa darán conta a través de monólogos dalgunhas das liñas de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da sede universitaria luguesa. A mocidade investigadora aproveitará este evento, promovido polo colectivo Agromar en colaboración coa USC, Deputación de Lugo e Concello de Lugo, para presentar en lingua galega e en intervención de apenas dez minutos, os seus respectivos ámbitos de traballo e proxectos de I+D. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.
A segunda e derradeira quenda de monólogos científicos do DivúlgaT 2023 achega nove petiscos de investigación sobre temáticas moi dispares. Así, Javier Turienzo Riveiro abrirá as presentación co relatorio A mobilidade do futuro ten que ser para todos. A esta primeira exposición seguirán Dígocho eu, ou cóntasmo ti, de María Villar Lopez; Viscoso, pero saboroso – parásitos mariños é o título do monólogo que ofrecerá Ana Saldaña Ruiz, a quen sucederán na palestra de intervención Carlos Herrero, co relato Redes neuronais artificiais, e Néstor Martínez Calabuig co monólogo Moscas vs corzos, a gran batalla.
O menú da derradeira sesión do DivúlgaT 2023, inclúe asemade as pílulas científicas Algo máis que os mellores amigos do home?, a cargo de Luciano Espino López; Tipoloxías de gandarías de vacún de carne na Galiza, de Cristian Mirás Varela; Labrar a terra para curar a mente, con Noelia Valiño Vázquez, e Axente Dobre D: Licenza para parasitar, a cargo de David García Dios.