DivulgaTerra 2021 dará comezo mañá na Casa do Saber
O evento de divulgación científica DivulgaTerra 2021, unha iniciativa orientada a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, bota a andar a súa sexta edición mañá, xoves, a partir das 19.30 horas, no auditorio da Casa de Saber de Lugo, cunha primeira achega de nove petiscos de divulgación científica.
O Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo darán continuidade a este ciclo de divulgación científica en galego o 25 de novembro coa celebración dunha nova sesión de presentacións na que 10 mozos e mozas investigadoras darán conta das súas pescudas nos distintos ámbitos do coñecemento ligados ao Campus Terra da USC.
Programa da primeira xornada
O profesor e investigador na Facultade de Veterinaria da USC Pablo Sánchez Quinteiro abrirá o programa da primeira xornada do DivulgaTerra 2021 co relatorio ‘Ter ou non ter medo? A amígdala é a cuestión’. De seguido, Daniel Manuel Vázquez Vila ofrecerá a charla ‘Fluxos migratorios, realidade e ficción: unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais’, mentres que Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo Gacía viaxarán ata o litoral coa charla ‘Marea vermella á vista, prohibido mariscar’.
Os relatos breves, cunha duración aproximada de 10 minutos, ‘Do acuario ao laboratorio’, de Nerea Gandoy; ‘Drons como ferramenta topográfica: levantamento 3D da valgada do Campus Terra’, a cargo de Sara Paradela Vázquez, ou ‘Entre luz e sombra’, de Tamara Franco Grandas, darán continuidade a esta xornada de petiscos de divulgación científica, coa que se ofrece unha panorámica da I+D do Campus Terra.
O programa da primeira xornada do DivulgaTerra 2021 chegará ao seu colofón coas charlas ‘Como educar a voz cantada das crianzas? Exemplo de boas prácticas’, a cargo de Lucía Casal de la Fuente; ‘A batalla da rata de auga setentrional (rata toupa) e das feromonas’, de novo con Tamara Isabel Franco Grandas, e ‘Os segredos ocultos do nariz do suricata’, a cargo de Mateo Vázquez Torres.
Os faladoiros científicos programados ao abeiro de DivulgaTerra son de acceso libre e están abertos á participación de todo o público interesado ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber de Lugo.