DOA actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María
DOA, formación histórica e referente da música galega, estará este sábado, día 3 de febreiro, ás 20 h, na Casa-Museo Manuel María, baixo formato de dúo, con Xoán Piñeiro (guitarra acústica) e Susana de Lorenzo (voz, harmonium e percusión), que interpretarán composicións propias, versións de temas bretóns e irlandeses e cantigas do século XIII.
Doa, pioneira na revisión da música popular galega con interpretación contemporánea, ten gravado cinco discos, con diversos estilos, mantendo como base a lírica galaico-portuguesa, os cancioneiros do Camiño de Santiago e a composición baseada nas estruturas melódicas da música galega tradicional. Os seus arranxos e instrumentación apostan pola experimentación, reinterpretando estas músicas con grande orixinalidade e mestría.
O grupo nado na Coruña, en 1978, con numerosas xiras pola península, Estados Unidos e Canadá, tivo co seu disco, “A fronda dos cervos”, en 2011, unha inmensa repercusión, obtendo numerosos premios e mencións nos medios musicais especializados de Europa e América.
Para asistir (billete 5 euros) ao concerto é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. Este concerto conta coa axuda de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.