Dobre sesión de abertos de billarda para comezar o mes de xullo
Por Daniel Rodríguez Saavedra
Dobre sesión billardeira con reparto de premios. O sábado coas Troitas Bravas Billarda e na Pontenova o Aberto ao carón da Lúa deixou o truinfo de Taracho Francisco Javier Rois Freijo, con Bonxe Carlos Pardo e David Navallo como acompañantes do podio conformado xa a altas horas da madrugada.
E se o sábado non nos deitamos cedo dá igual, o domingo madrugamos para asistir a unha xornada máxica pola paraxe onde se desputou, en Penas de Rodas, dende onde Carlos de Castiñeiro Milenario nos mandou esta lenda que lle contaron no lugar...
"Nun entorno realmente incrible, cargado de historia e simbolismo o I Aberto de Penas de Rodas vai pasar á historia dos abertos de vrao. Onte, botando unha ollada ao campo de xogo, atopamos a chamada pena da estornela. Conta a lenda que na mañá despois da primeira lúa chea despois do solsticio de vrao aparecía nesa pena un pau pequeno de dúas puntas. Seguindo a lenda, un veciño de Donalbai, Paco do Palán, madrugaba para ser o primeiro en coller ese pau cada ano. Paco levaba unha vida errante, vivía de ir de pobo en pobo tocando a gaita e facendo apostas xogando á estornela, un xogo ao que, segundo contan, era invencible. Máis houbo un ano que alguén se lle adiantou e madrugou máis que él, desde aquelas Paco do Palán desapareceu. Algúns contan que emigrou a Cuba, outros dicen velo algunhas noites de luar vagando polas Penas de Rodas buscando paus de dúas puntas.
De calquera xeito neste primeiro aberto, a saída do xogo farase desde esa pena da estornela".
Pois a esa pena da estornela subiuse Kiko como primeiro gañador con Pepe Folgueira Vidal e Carlos secundando no podio.