Doce novas fotografías compoñen o calendario do XXIX Maratón Fotográfico
A deputada de Cultura Iria Castro participou este luns na presentación do calendario do XXIX Maratón Fotográfico, o certame fotográfico organizado no marco do programa Lugo Cultural que desenvolve a área de Cultura do Campus de Lugo coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.
Como en cada edición, o xurado do certame seleccionou 12 fotografías para confeccionar o almanaque, que recolle as actividades do Lugo Cultural 2024 e que se distribuirá entre a comunidade universitaria. O acto coincidiu coa inauguración na Biblioteca Provincial de Lugo da exposición fotográfica organizada coas imaxes presentadas ao certame, tras o seu paso pola Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. No acto, a deputada de Cultura confirmou o compromiso do organismo provincial co Lugo Cultural, que “amplía a axenda da cidade e impulsa a creatividade entre a comunidade universitaria, así como con todas as iniciativas que afiancen o vínculo da Universidade coa cidade de Lugo".
Entre as fotografías incluídas no calendario atópanse Entre recunchos de José Luis Bermúndez Salinas, Ollo de Rocío Losada Iglesias, Vivir no caos de Esther López Álvarez, Protesta de Cristian Benítez Leiva, Baleiro no interior de Nerea Bermúdez Fernández, Odio chegar tarde de Raquel Carreira Fernández, Caos na factura da luz de Rodrigo Díaz López, A unión dos catro por catro de Estefanía Díaz Rodríguez, Paisaxe transxénica de Daniel Gómez Magide, Greetings from Lugo de Rocío Losada Iglesias, Ana-Come-Pan de Lucía Isabel Piñeiro Estévez e A través do caos de Santiago Tarrío Goy.