Docentes do CIFP As Mercedes desprazanse a Liberia para apoiar un quirófano móbil

Un equipo formado por tres docentes do Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes, en Lugo, permanecerá en Liberia ata o día 17 de abril co obxectivo de prestar apoio técnico ao quirófano móbil da Fundación Diego González Rivas, unha iniciativa que achega atención sanitaria a zonas con escasos recursos.
Na presentación desta acción participaron a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a presidenta da fundación, Carla Salgado, quen puxeron en valor o papel da FP galega, destacando a súa utilidade, proxección internacional e capacidade de resposta en contextos diversos.
O equipo está integrado por Leticia Conde, Víctor Manuel Paz e Alberto Pereira López, docentes do departamento de Eficiencia Enerxética do centro lucense. O seu traballo céntrase en asegurar o correcto funcionamento da central de enerxía que abastece o quirófano móbil, unha infraestrutura clave para que o persoal sanitario poida desenvolver as intervencións con garantías de seguridade e continuidade.
Desde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional agradeceron a implicación do profesorado nesta misión, subliñando que representan non só un exemplo de coñecemento técnico, senón tamén de compromiso solidario, tanto para o alumnado como para o conxunto do sistema educativo.
A administración autonómica tamén destacou a disposición do CIFP As Mercedes para participar neste tipo de proxectos, que evidencian o alto nivel de preparación e innovación da formación profesional galega en distintos ámbitos.
A unidade móbil da Fundación Diego González Rivas permite realizar operacións cirúrxicas en territorios con acceso moi limitado a servizos sanitarios. O centro lucense xa colaborara anteriormente nunha iniciativa similar en Sierra Leona o pasado ano, onde tamén contribuíu ao soporte técnico do quirófano.